O Concello de Brión pechará temporalmente o acceso público á Carballeira de Santa Minia tras a caída hoxe de parte dunha das árbores, que non causou ningún tipo de dano

Caida Carballo
O alcalde reunirase mañá cos técnicos que se encargan dos traballos de repoboación para analizar as medidas a tomar e habilitará camiños seguros para acceder á Casa da Cultura e á Biblioteca Municipal

A caída hoxe de parte dun dos carballos próximos á capela de Santa Minia podería ser un síntoma de que a Armillaria mellea tamén afecta a algunhas das árbores que aínda non foran analizadas.

O Concello de Brión informa da caída de parte dun dos carballos da emblemática Carballeira de Santa Minia sen que se produciran danos persoais nin materiais. Un suceso que tivo lugar a última hora desta tarde e que obrigou aos técnicos municipais a acordoar a zona, que quedará pechada temporalmente ata que os especialistas analicen a situación e indiquen as accións a seguir.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, que se desprazou ata a carballeira para valorar a situación, explica que “agardaremos a ver que nos din os expertos pero todo apunta a que a infección con Armillaria Mellea está máis estendida do que pensabamos e que pode afectar a toda a carballeira, polo que procederemos a pechar temporalmente o acceso á zona para garantir a seguridade das persoas e promoveremos a análise do resto das árbores da carballeira de Santa Minia para coñecer o seu estado e as medidas a tomar”.

De feito, a caída hoxe dunha parte dun dos carballos próximos á capela coincide cun dos síntomas indicados polos expertos nas reunións abertas coa veciñanza. E é que a Armillaria Mellea, enfermidade para a que non hai cura posible, provoca a putrefacción do sistema radicular do carballo e, en consecuencia, a morte da árbore por inanición ao non poder absorber nin a auga nin os nutrintes do chan. En ocasións, a propia árbore opta por desfacerse dunha parte das súas ramas nun intento de sobrevivir ao fungo, o que ocasiona sucesos como as de hoxe pese a non ser unha xornada con vento.

Pablo Lago adianta que mañá mesmo volverá a reunirse cos técnicos especializados que se están a encargar da repoboación parcial da Carballeira de Santa Minia para analizar os pasos a dar e que se habilitarán camiños seguros para que os veciños e veciñas poidan acceder ás instalacións municipais que rodean a carballeira con normalidade e sen ningún tipo de risco: Casa da Cultura, sala municipal de exposicións, biblioteca municipal e aula CeMIT, entre outras.