Encontro literario en Brión con Úrsula Heinze

Presentación en Brión de Flashes de Úrsula Heinze
A escritora presentou "Flashes", a súa última publicación que recompila un conxunto de relatos autobiográficos.

A Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acolleu a presentación en Brión da última publicación da recoñecida escritora Úrsula Heinze de Lorenzo, “Flashes”. Unha obra en dous volumes publicada por Edicións Fervenza que recompila un conxunto de relatos a xeito de instantáneas, onde a autora plasma momentos da súa vida.

O encontro literario celebrouse o venres 13 de maio ás 20:30 h. e forma parte da máis ampla programación de actividades que a Casa da Cultura e a biblioteca municipal de Brión organizan no mes de maio para conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas.

Xunto a escritora de orixe alemá, afincada en Compostela dende 1968, participaron na presentación Luís Alonso Girgado, recoñecido editor, escritor, tradutor e investigador; Víctor F. Freixanes, escritor, xornalista,  editor e profesor universitario, presidente da Real Academia Galega dende 2014. Tamén Dolores Vilavedra, profesora na USC, integrante do consello de redacción da revista Grial, escritora, tradutora e crítica literaria.

Úrsula Heinze de Lorenzo é unha destacada escritora, con numerosas novelas, ensaios e relatos dirixidos tanto a público infantil, xuvenil como adulto. Tamén destaca polas súas composicións poéticas, escritas indistintamente en galego e alemán. Tampouco debemos esquecer o seu labor como tradutora de autores alemáns ao galego e castelán.