Éxito de participación no XVI Día do Peón, celebrado en Brión

Día do Peón
Os máis de setecentos nenos participantes abalan o éxito do XVI Día do Peón, celebrado o pasado venres en Brión.

A carballeira de San Minia acolleu esta celebración que organiza Brinquedía, a Rede Galega do Xogo Tradicional, en colaboración co concello de brión. O Día do Peón contou coa participación das escolas infantís dos Ánxeles e Sabaxáns, do CEIP de Pedrouzos e do IES Brión.

Baixo o lema “Polo San Martiño, peóns ao camiño” o evento contou ademais cunha exhibición dun artesán torneiro, que elaborou peóns na propia carballeira. Tamén se celebrou un magosto no que participou o alcalde, Pablo lago, que demostrou tamén as súas habilidades co peón.

Lago felicitou a Brinquedia “por esta magnífica iniciativa” e animou aos presentes a que “sigades xogando a este xogo tradicional ao que teño xogado de neno e, se non o coñeciades, que vos animedes a botar uns xogos”, lembrando que este tipo de xogos tradicionais “valen tanto para nenos como para vellos”.

Manifesto

Pola súa banda, Lucho Penabade, veciño de Brión e coñecido actor, director, guionista e membro do grupo de teatro “Os Quinquilláns”, foi o encargado de dar lectura ao manifesto, despois de destacar a súa ledicia por ver a carballeira de Santa Minia “chea de xente miúda, e non miúda, pintando e facendo bailar os peóns. Porque o pión tamén é a arte das nosas fragas, dos buxos e dos castiñeiros convertida nun pequeno corazón que non cansa de dar voltas”.

Un manifesto moi divertido e dramatizado no que rematou afirmando que o peón é “un xogo moderno, que nos une a moitas culturas: México, China, Alemaña ou Vietnam. Pero segue sendo a nosa buxaina, o noso peón, o noso bailarete, o das rúas e camiños. Para iso viñemos hoxe aquí”. E remataron todos co tradicional dito:

“Polo S.Martiño , trompos ao camiño
Polo S.Antón, trompos ao caixón
Pola Santa Olalla, trompos á borralla
Polo San Amaro, trompos ao faiado
Polo San Martiño buxainziño, baila o peón no camiño
Coa miña buxaina…baila,baila,baila
E a miña piola… ola,ola,ola
Chámanme os rapaces (O rei) (A raíña) da escola… “

Esta iniciativa busca normalizar o patrimonio lúdico na sociedade e, en particular, as buxainas entre a rapazada. O Día do Peón chegou este ano a Brión despois de pasar en edicións anteriores por municipios como Santiago, Ferrol, Melide, Carnota, Outes, Noia, Ourense, Manzaneda ou Pontevedra.