
O alcalde de Brión, Pablo Lago, e a vicepresidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Ana Mª Rodríguez, acompañados pola concelleira e o técnico municipal de Cultura, aproveitaron o acto de entrega do Premio Laudamuco para pechar un acordo que permitirá celebrar no municipio un novo ciclo de teatro amador.
Referímonos á nova edición do FEGATEATRO, que se desenvolverá os días 11, 18 e 25 de outubro, así como o 8, 15, 22 e 29 de novembro.
FEGATEATRO: Un ciclo de teatro afeccionado consolidado
“FegaTeatro” é un ciclo de teatro amador organizado pola FEGATEA que, unha vez máis, ofrecerá ao público de Brión varias funcións ao longo do ano, co obxectivo de manter unha periodicidade estable. Este programa busca reforzar a oferta cultural arredor das artes escénicas, favorecendo a participación de novos públicos mediante unha programación adaptada ás demandas de cada localidade.
FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado)
A Federación Galega de Teatro Afeccionado conta na actualidade con 56 grupos de teatro procedentes das catro provincias galegas, sumando máis de 700 integrantes. Ao longo dos anos, consolidouse como a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose como un axente cultural clave na promoción da lingua e cultura galegas a través das artes escénicas.
Desde a súa fundación hai 25 anos, a FEGATEA ampliou e reforzou un espazo propio para o teatro afeccionado en Galicia, avalado polas numerosas actividades que organiza, así como as que apoia e nas que participa.
Este labor foi recoñecido a nivel estatal con diversos premios, como o Premio Tablas da Federación Valenciana de Teatro en 2012 ou o Premio da Federación de Teatro Aficionado de Castilla y León en 2016. Ademais, en decembro de 2020, a Xunta de Galicia outorgoulle o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas.