O Concello de Brión e Espina & Delfín fan un chamamento ao consumo responsable de auga

Campaña "Auga é Vida. Aprovéitaa"
O Concello de Brión e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de augas, poñen en marcha a campaña “A auga é vida. Aprovéitaa” co obxectivo de fomentar un consumo responsable e consciente da auga entre a veciñanza.

A iniciativa busca sensibilizar sobre a importancia da preservación dos recursos naturais. A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para esta época estival e o avance do cambio climático, teñen un gran impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante as épocas máis secas é importante realizar un consumo eficiente da auga potable.

En 2024, o volume de auga consumida polos veciños do Concello de Brión foi de 731.418 m3. Isto supón unha media mensual de 60.951 m3/mes. Si nos centramos no consumo de este último ano vemos que o seu valor máximo é na tempada estival. O consumo no mes de agosto foi de 77.762 m3 e, polo contrario, o mes de menor consumo foi febreiro con 43.212 m3. Isto supón que durante o mes de agosto, consumiuse un 44 % máis.

Por todos estes motivos, a campaña incide en pequenos xestos do día a día que poden marcar a diferencia, como pechar a billa no momento de enxaboar os pratos, non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo vertedoiro, ducharse en vez de bañarse ou utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns. Ademais, aconséllase pechar a chave de paso de auga da vivenda en caso de ausencia prolongadas, como nas vacacións de verán.

Esta mensaxe difundirase a través de carteis colocados nos edificios municipais, instalacións do servizo de augas, e tamén mediante as redes sociais e páxinas web do Concello e da concesionaria.

Espina & Delfín e o concello de Brión convidan a toda a cidadanía a sumarse a esta campaña e a colaborar activamente na protección dun recurso vital e cada vez máis escaso.