Brión sectoriza a súa rede de abastecemento de auga grazas a unha subvención de Augas de Galicia

Subención Aguas de Galicia
A actuación terá un prazo de execución de tres meses e ten como obxectivo minimizar as perdas de auga, mellorando a eficiencia e a xestión dixital do ciclo da auga no noso concello

O Concello de Brión vén de obter unha subvención de 39.882,77 euros concedida por Augas de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU, para acometer a sectorización da rede de abastecemento municipal de auga potable.

As obras consistirán na instalación de contadores e equipos de telelectura en distintos tramos da rede de distribución, co fin de rexistrar datos como o caudal instantáneo, caudal acumulado diario, mínimos nocturnos ou volumes perdidos entre sectores. Esta información permitirá ao Concello coñecer mellor o funcionamento da rede e optimizar o servizo á veciñanza.

Os sectores nos que se vai actuar son: Aguiar, Gundín, Estrar, Gándara, Bastavales Baixa, Bastavales Alta 1 e Bastavales Alta 2. Cada intervención levará consigo a construción de arquetas e a instalación de contadores, válvulas, filtros e equipos de telexestión, así como as obras necesarias de pavimentación e reposición.

Con esta actuación, Brión dá un paso máis no seu compromiso coa sostibilidade e coa protección dun recurso esencial como é a auga, adaptándose aos retos ambientais actuais e garantindo unha mellor calidade do servizo de abastecemento para todos os veciños e veciñas.

Actuación subvencionada por Augas de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU