O Concello de Brión pon en marcha "Conversas co alcalde" para reforzar a participación veciñal nas parroquias

Conversas co Alcalde
O Concello de Brión iniciará nos vindeiros días a campaña "Conversas co alcalde", unha iniciativa pensada para crear espazos de diálogo directo coa veciñanza en todas as parroquias do municipio.

Este novo programa nace co obxectivo de reforzar a participación veciñal na vida municipal, escoitar de primeira man as inquedanzas, propostas e necesidades da cidadanía e manter un contacto máis próximo e periódico cos distintos núcleos do concello.

A través desta campaña, o Goberno municipal quere facilitar unha canle directa de comunicación coa veciñanza e avanzar nun modelo de xestión máis próximo, participativo e pegado á realidade de cada parroquia.

Aínda que o contacto coa veciñanza é constante no día a día, esta iniciativa permitirá reforzar esa relación, trasladando os encontros ao territorio e creando espazos específicos para a conversa, a escoita e a recollida de propostas.

O alcalde destaca que a intención é "celebrar estas xuntanzas de maneira periódica nas distintas parroquias para dar voz á veciñanza de todo o municipio e tomar nota das cuestións que máis lle preocupan. Queremos seguir estando preto da xente, escoitar directamente o que nos trasladen e coñecer sobre o terreo as necesidades de cada parroquia para mellorar Brión entre todas e todos", sinala.

A primeira rolda de encontros desta campaña desenvolverase ao longo de todo o mes de abril e nesta nova iremos iremos actualizando periodicamente as datas e localizacións.

As primeiras citas serán as seguintes:

  • 07.04.2026 · Bastavales · Escola Unitaria · 21:00 horas
  • 08.04.2026 · Os Ánxeles · Escola Unitaria · 21:00 horas