O Concello de Brión é un dos primeiros municipios de Galicia en adherirse á nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para reforzar a cooperación entre as administracións á hora de sensibilizar, previr, formar e resolver posibles casos de acoso escolar. Todas as entidades comprometéronse a traballar coa máxima de tolerancia cero ante calquera tipo de conduta contraria á convivencia no eido escolar.
A adhesión de Brión á Rede de Concellos contra o Acoso Escolar tivo lugar o pasado sábado 2 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra o Acoso Escolar. Nun acto celebrado no Instituto de Cacheiras (Teo), o alcalde de Brión, Pablo Lago, asinou unha das primeiras adhesións, canda os municipios de Ames, Boqueixón, A Estrada, Teo, Val do Dubra e Vedra.
Esta nova rede centrará a súa actuación en catro eixes principais: a sensibilización, a prevención, a formación e a denuncia. A través dela, poderán artellarse recursos entre a Administración autonómica e as entidades locais, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva ante posibles casos de acoso escolar.
Ademais, posibilitará establecer un seguimento sistemático e continuado destas situacións, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa de todos os actores responsables a nivel local mediante os servizos que prestan os concellos. Entre as súas funcións estarán desempeñar labores de observación, análise, asesoramento, seguimento e difusión de información sobre o acoso escolar, apoio aos concellos adheridos na elaboración de programas e accións para a prevención e intervención, desenvolvemento de plans de formación para o persoal dos concellos adheridos, difusión de iniciativas e actuacións de éxito, ser punto de referencia e consulta para os concellos que precisen orientación na xestión destes casos e fortalecemento da capacidade dos concellos para intervir de maneira máis precisa e coordinada.