Alfredo Conde recibe en Brión o XI Premio Alvite da Asociación de Periodistas de Galicia

Alfredo Conde recibe o galardón
Cualifica aos xornalistas como “o derradeiro bastión da liberdade de pensar e opinar”

Alfredo Conde Cid, escritor e articulista ourensán residente en Brión, recibiu de mans do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González, a figura “A deusa de Alvite”, obra de Acisclo Manzano, que lle acredita como Premio José Luis Alvite 2026 de columnismo da APG.

No acto, que tivo lugar no Centro Social Polivalente de Brión, Conde enxalzou o traballo dos xornalistas aos que considera “os responsables que lle quedan á nosa sociedade para recibir información contrastada, correctora dos desvíos de opinión inducidos desde os gabinetes de prensa da sociedade, cando non desde os próximos a aqueles que dependen dos órganos de goberno, nas lindes da xustiza ou nos gabinetes do lexislativo”.

Por iso, o premiado, que se amosou moi agradecido por esta distinción e que lembrou a José Luis Alvite como “un dos grandes columnistas españoles”, cre que os xornalistas son “o derradeiro bastión de defensa da liberdade de pensar e opinar”. Pero Conde tampouco se esqueceu do traballo dos cámaras e dos fotógrafos de prensa, que “nos amosan”, engadiu, “a realidade que avala o texto redactado por ese xornalista que a contrasta coa ofrecida por aqueles que ocultan os feitos ou os terxiversan”.

Laudatio

O encargado de realizar a laudatio de Conde foi o escritor, filólogo e crítico literario Armando Requeixo Cuba, que subliñou a importante produción literaria e xornalística do galardoado, así como algúns dos premios máis relevantes dos que foi merecedor. Considera este como “un acto de xustiza poética”, porque “é poñer en valor o camiño andado e as múltiples contribucións dun intelectual ao que moito lle debe Galicia, a súa cultura e a súa literatura”.

Requeixo destacou tamén a faceta de Conde como divulgador do noso acervo: “Un dos nosos mellores embaixadores culturais e literarios do último medio século que, mercede aos seus bos oficios, logrou que Galicia e a lingua galega se oíse en universidades e foros intelectuais únicos, ou en lugares onde non se escoitara antes ou onde aínda hoxe é infrecuente que se saiba de nós, como Sidney, Praga, Jerusalem, Rabat, Melbourne, Osaka, Tokio, Toronto, San Petersburgo, Auckland, Estocolmo, Pekin ou Bergen, por citar só algúns”.    

Brión, terra de cultura

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceulle a Alfredo Conde e á Asociación de Periodistas de Galicia que escolleran Brión para a entrega do Premio José Luis Alvite. “Sempre presumimos de que Brión é terra de arte e cultura. En primeiro lugar, pola nosa ampla programación cultural e iniciativas singulares como os Encontros coa Arte ou o Premio Laudamuco para textos teatrais. Pero tamén podemos sacar peito por se o municipio escollido para vivir por moitos escritores, pintores, escultores, músicos, fotógrafos… e tamén moitos xornalistas”, apuntou Lago Sanmartín.

Ademais, puxo en valor o “galeguismo de proximidade” e o “xornalismo comprometido coa terra” de Alfredo Conde cuns tempos de globalización onde os medios “conténtanse con conseguir likes e encher as Redes de contidos sen interese, de personaxes prescindibles e co único obxectivo de que o lector faga click na noticia”.

Liberdade de Prensa

No evento, que a APG fai coincidir cada ano co Día Mundial da Liberdade de Prensa (3 de maio), a presidenta dese colectivo profesional, María Méndez González, reivindicou a liberdade de prensa que “segue sendo, tal vez hoxe máis ca nunca, un ben prezado que temos que seguir conquistando día a día, en todas as frontes e ante o enorme ruído que xeran tantos e tantos conflitos no mundo”. 

“Unha senda, a da liberdade”, afirmou Méndez, “que guiou a pluma do noso premiado e pola cal hoxe queremos darlle a nosa noraboa”. “Sabemos que es o autor español máis laureado de todos os tempos, pero nos consta que esta Deusa de Alvite que agora recibes, conmoveu esa profusa mirada que aplicas neses mares abertos da creatividade que tanto gustas surcar”.

Compromiso coa terra

Finalmente, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou a figura de Alfredo Conde como “unha persoa comprometida coa nosa terra, coa nosa cultura e a nosa lingua, como demostra tanto na súa vida profesional como persoal “. Así, o titular de Cultura lembrou que se trata dun profesional que “xa foi merecedor, entre outras distincións, da Medalla Castelao”, felicitándoo, xusto ás portas da celebración das Letras Galegas,  por “ser un excelente e rigoroso narrador que atesoura unha gran calidade literaria e xornalística, e que nos fai medrar como sociedade e no que atopamos un bo referente da Galicia Calidade”.

Biografía do premiado

Conde Cid naceu en Allariz, Ourense (5 xaneiro 1945) no seo dunha familia galeguista de clase media. Estudou Náutica na Escola Superior da Coruña e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como mariño mercante e como profesor de Historia nun colexio privado. Foi deputado no Parlamento de Galicia como independente no grupo do PSdeG (1981-1993) e conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia encabezada polo socialista Fernando González Laxe (1987-1990).

Foi o  primeiro vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o primeiro presidente do Pen Club de Galicia (1990-1991), cargos dos que dimitiu tras organizar dous congresos internacionais de ambas entidades. Entre outros idiomas, as súas obras foron traducidas ao inglés, italiano, chino, portugués, francés e ruso.