A Romaría de Santa Minia xa é oficialmente Festa de Interese Turístico de Galicia

Sana Minia
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe, 26 de agosto, a resolución pola que se fai oficial a declaración da Romaría de Santa Minia, en Brión, como Festa de Interese Turístico de Galicia.

A decisión xa fora adoptada polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 25 de maio de 2026, polo que o recoñecemento era firme desde esa data. A publicación de hoxe no DOG formaliza e dá publicidade oficial ao acordo, de conformidade co establecido no Decreto 4/2015, de 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia.

A resolución, asinada o 19 de agosto polo director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy, recolle expresamente o acordo de «declarar festa de interese turístico de Galicia [...] á Romaría de Santa Minia (Brión, A Coruña)».

Este recoñecemento supón un novo respaldo institucional a unha das celebracións máis importantes e multitudinarias do calendario festivo de Brión, que cada mes de setembro congrega milleiros de persoas na contorna da Carballeira de Santa Minia.

A Romaría de Santa Minia combina desde hai décadas tradición, devoción popular, encontro veciñal e actividade festiva nun espazo que forma parte da identidade histórica e cultural do municipio. A Carballeira, o santuario, os postos, as celebracións relixiosas e o ambiente que se crea durante varios días converteron esta cita nun referente que atrae visitantes de diferentes puntos de Galicia.

A declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia recoñece precisamente o valor e a singularidade desta celebración, a súa continuidade no tempo e a súa capacidade de convocatoria.

Para o Concello de Brión, esta distinción contribúe tamén a reforzar a promoción exterior da Romaría e do propio municipio, ao integrar Santa Minia no conxunto de celebracións galegas que contan con este recoñecemento oficial.

O acordo culmina así un procedemento no que se puxeron en valor a historia da Romaría, o seu arraigo social e cultural, a participación cidadá e a afluencia de visitantes que cada ano se achegan a Brión con motivo de Santa Minia.

Coa publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Romaría de Santa Minia incorpora oficialmente esta distinción á súa traxectoria e afronta unha nova etapa coa consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia.