OUTONO CULTURAL | Outono das Artes · Ao son da nova Regueifa
Proxección en Brión do documental "Ao son da nova Regueifa"
Dirección e guión: Manolo Maseda e Saúl Rivas | Realización: Jairo Iglesias
Esta proxección forma parte do ciclo "Outono das Artes", un programa impulsado pola Deputación da Coruña que está a levar o cinema documental por diversos concellos de Galicia.
Sinopse:
Todo comeza cunha busca, a da Nova Regueifa. Nese proceso, rematamos decatándonos de que xa estamos camiñando ao son dela. Este documental propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a Regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral na Galiza.
Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñecemos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversidade que caracteriza a Regueifa hoxe en día. Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía…
A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, trazamos un retrato poliédrico da Regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.
DATA: 4 de decembro
HORA: 20:00 h.
LUGAR: Centro Social Polivalente
Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.