O Concello de Brión e a Real Federación Galega de Fútbol asinan o convenio para facer o proxecto de acondicionamento e remodelación do campo de fútbol José Pumar

Sinatura Convenio RFGF
O convenio foi asinado esta mañá polo alcalde, Pablo Lago, e o presidente da RFGF, Rafael Louzán, acompañados da presidenta do Bastavales UD, Ana Bouzas

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán Abal, asinaron esta mañá un convenio para a redacción do proxecto de acondicionamento e remodelación do campo de fútbol José Pumar, na parroquia de Bastavales. Un acto que tivo lugar no Concello brionés e ao que asistiron o tesoureiro da RFGF, Luís Serantes, e a presidenta do Bastavales UD, Ana Bouzas.

Pablo Lago salientou que “con esta sinatura o que facemos é garantir que este proxecto será unha realidade despois de moitos anos agardando por el, sobre todo dende o club, pero agora xa vedes que vai para adiante. Temos o compromiso asinado da colaboración da Deputación da Coruña e o Concello tamén dispón da súa achega, polo que agardamos que as obras poidan comezar canto antes”.

Neste sentido, Rafael Louzán confirmou que “o proxecto terémolo listo aproximadamente en quince días”, debido a que dende a Federación xa se puxeran a traballar nel con meses de antelación. “Non é algo que adoitemos facer pero, como vimos a boa intención do Concello e dende o club tamén nos insistiron moito, valoramos ese compromiso e tomamos a decisión de facer o proxecto”, explicou o presidente da RFGF.

Unhas xestións que agradeceu Pablo Lago quen adianta que “farémosllo chegar á Deputación e, a partir de aí, poñernos mans á obra. Falta pouco pero tampouco quero enganar a ninguén e que pensen que isto vai comezar mañá. Os tempos da Administración son os que son pero hoxe deixamos o camiño ben marcado que é o importante”.

Investimento de 550.000 euros

O convenio asinado hoxe recolle que a Real Federación Galega de Fútbol será a encargada de redactar o proxecto das novas instalacións deportivas, asumindo o seu coste para despois entregarllo ao Concello de Brión, que se encargará de executalo. Así mesmo, o Concello comprométese a incorporará no campo de fútbol unha placa indicando a colaboración da Federación, así como dúas pancartas promocionais da RFGF ao pé do terreo de xogo durante as próximas tres temporadas e a inserción do logotipo da Federación no céspede do terreo de xogo. Finalmente, contémplase que, de ter lugar un acto de inauguración das obras, o Concello deberá convidar ao presidente da RFGF.

As obras suporán unha remodelación integral do campo de fútbol que vén empregando o Bastavales UDE, incluída unha ampliación da súa superficie en dez metros. Así, coas novas dimensións poderase xogar tanto a Fútbol-11 como a Fútbol-8, en dous campos de xogo. O proxecto inclúe tamén un novo alumeado, con catro torres de 20 metros e proxectores LED, así como una rede para a recollida da auga da chuvia e a instalación dunha nova rede de rego e dun peche das instalacións en aluminio. Unha actuación que suporá un investimento de case 550.000 euros.

Alcalde e presidenta do club sinalaron que, debido aos temporais deste inverno, o Concello de Brión xa tivo que facer unha actuación de emerxencia nun muro da instalación, traballos que aproveitou para nivelar xa ese terreo.

Campos da Luaña e Brión

Pablo Lago aproveitou o encontro para comentarlle a Rafael Louzán a boa marcha das obras de renovación do campo de fútbol do Bormeiral, na Luaña, nas que o Concello de Brión inviste 15.000 euros. Nestes momentos estase a asentar o novo céspede de herba natural plantado polo Concello, despois dunha importante actuación para nivelar o antigo campo de terra, e despois dotarase á instalación dun novo alumeado.

Así mesmo, Lago Sanmartín falou da situación do campo municipal de Brión: “coñecemos a problemática que ten este campo. Primeiro, porque as dimensións non son as idóneas e estamos estudando a posibilidade de amplialo cara a estrada. Canda exista esa posibilidade, levantaremos tamén o terreo de xogo, que xa ten case quince anos e así deixaremos esta instalación en condicións”.

Unha información que valorou o presidente da RFGF, quen destacou que “é un campo que está moi ben situado, ten boas comunicación e é céntrico a nivel de toda Galicia, pero ten eses problemas. Nós estariamos encantados de poder vir a Brión con eventos deportivos que estamos organizando noutros municipios”.