O lucense Vicente Piñeiro gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais coa obra “Devólvenos a Xermánico!”

Imaxe do autor galardoado, Vicente Piñeiro
O certame, que promove a figura de Vidal Bolaño, deu a coñecer o gañador coincidindo co 27 de marzo, Día Mundial do Teatro.

O escritor Vicente Piñeiro (Lugo, 1954) resultou gañador da quinta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor lucense concorreu ao certame coa obra "Devólvenos a Xermánico”, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

O xurado, composto por Francisca Abeledo Seren, Fabrice Corrons, Eduardo Rodríguez Cunha, Xosé Manuel Rabón e Francisco Oti Ríos, acordou logo dun extenso debate escollela como obra gañadora "pola súa perfección e estrutura dramatúrxica, pola temática histórica con excelencia documental o que dá como resultado unha obra teatral perfecta”.

Vicente Piñeiro é un recoñecido autor en Galicia de novela e teatro. As súas obras baséanse en acontecementos e personaxes históricos de diferentes épocas, aínda que sente especial predilección polo pasado romano. Tamén conta con varios volumes de poesía, contos e ensaio. En 2003 xa gañara o Concurso de Poesía das Letras de Vilalba, pola obra "Señor, as túas pupilas son moi azuis".

O Premio Laudamuco, unha iniciativa do Concello de Brión co apoio da Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, quere incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega, ao tempo que dar visibilidade e recoñecemento á figura de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar para a dramaturxia e cultura galegas. Por iso, non é casual que o autor lucense reciba o galardón nun acto que se celebrará o vindeiro 16 de maio, coincidindo co corenta e cinco aniversario da posta en escena da obra "Laudamuco, señor de ningures".