
Unhas 420 persoas participaron na Festa dos Maiores do Concello de Brión, celebrada esta fin de semana no polideportivo municipal de Brión.
Este acto estivo presidido polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, quen destacou que este evento é “unha das datas máis importantes do ano para nós, xa que con esta xornada queremos render homenaxe a todas as persoas maiores que viven en Brión”. Así mesmo, aproveitou para animalos a participar nas actividades para maiores que teñen lugar no centro social polivalente, que inclúen baile quincenal con música en directo, piscina, ximnasia, mente activa e grupo de teatro. Unhas clases que darán comezo o 1 de outubro e para as que se abrirá inscrición este venres 12 de setembro.
Os maiores presentes no polideportivo municipal desfrutaron dunha comida de confraternización a base de empanada, polbo e carne ao caldeiro, con tartas de queixo e de améndoas de sobremesa, servidas polo restaurante Casa Taboada. A música correu a cargo da cantante local Ruth Cundíns e do grupo de gaitas Xoldra, de Rois.