Co fin de reducir o risco de incendios e cumprir co disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, o Concello de Brión lembra á veciñanza que as persoas propietarias de parcelas, terreos e solares teñen a obriga de mantelos limpos e en condicións adecuadas de seguridade durante todo o ano.
En todo caso, estes traballos deberán estar feitos antes do 31 de maio de 2026.
Que hai que facer?
Debe realizarse a xestión da biomasa vexetal, isto é, a limpeza de maleza, silvas, toxos e outra vexetación, nunha franxa de 50 metros:
- arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable nos casos que proceda
- arredor das vivendas, edificacións destinadas ás persoas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques ou instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte
- arredor das edificacións illadas destinadas ás persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte
Ademais, neses primeiros 50 metros non poden existir piñeiros, eucaliptos, mimosas, acacias nin outras especies recollidas pola lei.
Unha vez feita a corta, os restos vexetais deberán retirarse ou triturarse no prazo máximo de quince días se os traballos se realizan en época de alto risco de incendios, ou de un mes no resto do ano.
Importante
Todas as persoas que recibiron notificación teñen a obriga de comunicar ao Concello a adecuación da parcela unha vez realizados os traballos.
Colaboración do Concello
Dende o Concello de Brión ofrecemos colaboración á veciñanza para:
- explicar persoalmente que fincas teñen que limparse
- facilitar o listado das parcelas afectadas
- resolver dúbidas sobre o alcance da obriga en cada caso
As persoas interesadas poden consultar tamén o visor público de faixas secundarias da Xunta de Galicia no seguinte enderezo:
https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/
Advertencia
No caso de incumprimento destas obrigas, o Concello poderá realizar o correspondente requirimento municipal e outorgar un prazo para a adecuación das parcelas conforme á lei. De persistir o incumprimento, poderán adoptarse as medidas previstas legalmente, incluídas multas coercitivas, execución subsidiaria dos traballos e repercusión dos custos ás persoas responsables.