O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá, o venres 24 e o sábado 25 abril, a cuarta edición do Festival de Cine Galego “O Tremo”, un evento organizado polo Concello de Brión e Aldea Producións. Unha iniciativa que foi presentada hoxe polo alcalde, Pablo Lago, e os responsables de Aldea Producións, Ramón Cordido e Xacobe Sineiro, quen estiveron acompañados polo técnico municipal de Cultura, Alberto Álvarez.
Os filmes escollidos para esta edición son “Antes de nós”, “Rondallas”, “San Simón” e “Leo&Lou”, “catro das películas máis salientables feitas en Galicia neste últimos meses que acompañaremos coa presenza de actores e actrices”, sinala Ramón Cordido, quen engade que “como un festival non deixa de ser unha festa, gozaremos tamén de música en directo e tapeo a fartar”. Un punto no que coincide Pablo Lago, quen destaca “a boa acollida que ten este festival, que serve para poñer en valor o presente do audiovisual galego e achegalo de forma gratuíta aos veciños e veciñas de Brión, tanto a través da proxección das películas como de coñecer aos seus directores e actores”.
Ao igual que o ano pasado, nesta edición tamén haberá unha sesión matinal especial unicamente para o alumnado do IES de Brión, para quen se proxectará “Antes de nós”, filme que arrasou nos Premios Mestre Mateo ao acadar 13 galardóns, récord histórico. O seu guionista, Pepe Coira (autor tamén das célebres series “Rapa” e “Hierro”’) será o encargado de presentar esta cita que conta a historia de Castelao antes da Xeración Nós, contestando ás preguntas que fagan os alumnos e alumnas brioneses. Será durante a mañá do venres 24 de abril
Proxeccións públicas
Ese mesmo venres 24, ás 21:00 horas, tomará o relevo “Rondallas”, coa actriz galega Marta Larralde. Un filme que é un éxito rotundo do cine galego e no que, antes da proxección, haberá un photocall polo que se se pasará unha Rondalla en directo composta por membros das asociacións de Bugallido, Ortoño e Viduido. Tras o filme, tapeo e concerto do grupo “Os Piñeiros”.
O sábado 25 de abril, ás 18:00 horas, proxectarase “San Simón”, que pon en imaxes emotivas o tempo no que a illa da Ría de Vigo foi convertida en campo de concentración do réxime franquista. O seu director, Miguel Ángel Delgado, e os actores principais, Flako Estévez e Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, estarán presentes no centro social polivalente brionés para falar dos pormenores da súa rodaxe e daqueles tráxicos tempos da historia galega.
Finalmente, ese mesmo sábado ás 21:00 horas terá lugar a proxección do filme para todos os públicos “Leo&Lou”, entrañable conto visual dunha nena que non fala e dun home que non sabe escoitar rodada en fermosas localizacións da costa que vai de Ferrol a Cedeira. En Brión estarán presentes tanto a actriz que dá vida a esa nena, Julia Sulleiro, como ao director Carlos Solano. E, ao rematar o coloquio con eles, novo tapeo e a actuación de Adrián Costa, un dos máis reputados bluesmen de Europa quen se achega dende o barrio das Fontiñas (Santiago) para pechar por todo o alto O Tremo´26.
Os tres pases públicos serán de entrada gratuíta, se ben para asistir será necesario realizar reserva previa a través da billeteira do Concello de Brión ou na propia sala de proxeccións, se quedaran butacas libres. Dende Aldea Produccións, organizadora do festival, salientan que “todo é de balde grazas á colaboración do Concello de Brión e das empresas Espina & Delfín, Hotel Balneario Compostela e Global Develop Event Service”.