O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou hoxe o avance das obras de conversión en autovía do corredor Brión-Noia, unha actuación estratéxica para mellorar a conexión entre a área de Santiago e O Barbanza. Durante a visita ás obras que se están a levar a cabo no primeiro treito, que une Brión e Urdilde (Rois), Rueda avanzou que a previsión do Goberno autonómico é que esta nova vía “poida abrirse e entrar en funcionamento durante o 2027”.
Trátase dunha zona “pola que circulan 13.000 vehículos diarios e cunha poboación de 160.000 persoas que se incrementa no verán”, indicou o titular do Executivo galego, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e os alcaldes de Brión, Pablo Lago; Rois, Ramón Tojo; Lousame, Esteban Ares; e Outes, Francisco Calo.
O alcalde brionés fixo fincapé na importancia desta actuación “sobre todo no que atinxe á mellora da seguridade viaria, pois como ben puidemos comprobar onte mesmo cun accidente no que se viron involucrados ata cinco vehículos, a circulación é cada vez máis intensa neste corredor, xa non para viaxes longas senón tamén para conectarnos con concellos e parroquias próximas”.
Obras
Nesta primeira fase, que supón desdobrar os primeiros 4,9 km desta vía de altas prestacións e un investimento de 11,2 millóns de euros, xa se executou arredor do 10% do total do proxecto, con traballos centrados fundamentalmente en labores previos como a roza, drenaxes ou movementos de terras. A nova infraestrutura será similar á autovía Santiago-Brión, dispoñendo de dous carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido da circulación.
Rueda salientou que, máis alá das cifras técnicas, o verdadeiramente importante desta obra é o beneficio directo que supón para o día a día das persoas e para a mellora da súa calidade de vida. “As infraestruturas son para mellorar a vida das persoas, non para complicala”, indicou para asegurar que construír autovías implica “máis seguridade vial, máis comodidade, máis rapidez e máis desenvolvemento”.