O novo Programa Integrado de Emprego dos concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de outubro de 2026 e outubro de 2027. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 230.000 € e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
Para participar no programa, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego, residir nos concellos de Ames ou Brión e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
- Persoas desempregadas menores de 30 anos.
- Persoas desempregadas maiores de 52 anos.
- Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI)
- Mulleres desempregadas.
- Persoas desempregadas de longa duración
- Persoas desempregadas migrantes
Os programas integrados de emprego de Galicia están dirixidos á mellora de ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación desemprego, desenvolvendo de xeito obrigatorio as seguintes accións: información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes, prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia preferentemente co contido teórico-práctico das accións formativas e obradoiros sobre mobilidade laboral.
ACTIVIDADES
As persoas participantes formaranse nos sectores do comercio, almacenaxe e loxística, ocio e tempo libre, turismo, administración e atención á dependencia, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, novas tecnoloxías (Informática, Intelixencia Artificial), idiomas (Inglés), hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación, marca persoal, etc.
Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).
Ademáis poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.
BOLSAS E AXUDAS Á CONCILIACIÓN
As persoas que formen parte do novo Programa Integrado de Emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 €/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se porá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar co obxectivo de facilitar a asistencia ás actividades do Programa.
O Programa desenvolverá as actividades no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Rúa Costaneira, 2. Urb. Aldea Nova. Ames) e no Centro Multifuncional de Milladoiro (Rúa do Muiño Vello, Milladoiro).
EDICIÓN 2025/2026
O pasado 14 de outubro rematou a edición 2025-2026. Á data de finalización do programa, acadaron, polo menos un contrato, máis do 50 % dos participantes, superando o obxectivo de inserción previsto do 40%.
Durante o programa desenvolvéronse cinco itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos: actividades para a infancia e a xuventude; actividades de comercio e atención ao público; xestión e organización do almacén; atención ao cliente en establecementos de aloxamento, actividades administrativas e novas tecnoloxías, acompañados de prácticas non laborais en empresas do concello e a súa contorna.
Os itinerarios completáronse con formación transversal en Inglés, Manexo de carretilla elevadora, Hixiene e manipulación de alimentos e Técnicas de primeiros auxilios, entre outros, ademais de toda a formación en habillidades sociolaborais e busca de emprego, así como un amplo catálogo de cursos en liña realizados na plataforma de teleformación do Programa.
PARA MÁIS INFORMACIÓN:
As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos pinchando no seguinte enlace:
https://forms.gle/ntmCZPAAX4YNaCFt8
Para ampliar información sobre o Programa poden contactar no enderezo: inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María) e 663 711 876 (Pablo) en horario de 8 a 15 h.