A Xunta de Galicia abre o prazo para solicitar as axudas de rehabilitación enerxética de vivenda

Vivenda enerxeticamente eficiente
As axudas están dirixidas á veciñanza de municipios de menos de 5.000 habitantes ou de menos de 20.000, sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 residentes.

As persoas interesadas en acollerse ás axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, o chamado PREE 5000, poden presentar a súa solicitude dende o luns 3 de xaneiro e ata o 30 de setembro de 2022.

A este programa, que conta cunha dotación orzamentaria total de 3,8 millóns de euros, poderán acollerse inmobles construídos antes de 2007 que sexan vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente. O  importe concedido para as intervencións poderá chegar a cubrir ata o 100 % do custo das obras subvencionables.

Os traballos que se vaian a executar deberán pertencer a unha ou varias das seguintes tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia enerxética e uso das enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

As actuacións que subvencione o Instituto Galego da Vivenda e Solo ao abeiro do PREE 5000, deberán conseguir unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación actual do edificio e, ademais, mellorar a cualificación enerxética total do inmoble en, polo menos, unha letra. Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter xa unha cualificación A.

A información completa sobre este tema pode consultarse no portal web institucional da Xunta de Galicia premendo na seguinte ligazón.