Nova iluminación para o campo de fútbol de Brión

Nova iluminación para o  campo de fútbol de Brión
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, visitaron as melloras realizadas no campo de fútbol de Brión.

A Xunta investiu na instalación de Brión 31.595 euros ao abeiro do Fondo de compensación ambiental, ao que destina este ano 11 millóns de euros.

O alcalde de Brión agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia na mellora das instalacións deportivas municipais. Lago aproveitou para solicitar colaboración na creación do primeiro parque infantil cuberto do municipio, unha idea ben recollida desde a administración autonómica.

Eficiencia enerxética

As obras de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do campo de fútbol de Brión consistiron na retirada dos puntos de luz de catro torres con catro proxectores cada unha delas, e a instalación doutros led de baixo consumo. O obxectivo da actuación foi reducir o consumo enerxético e diminuír as emisións de CO2 a atmosfera, así como acadar un importante aforro económico coa redución da factura por consumo eléctrico.

Esta actuación é un dos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, co que o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

O Concello de Brión recibiu entre 2009 e 2021 axudas por máis dun millón de euros das diferentes liñas de colaboración cos concellos abertas pola Dirección Xeral de Administración Local que, como recorda Natalia Prieto, teñen como obxectivo colaborar cos municipios na mellora das súas infraestruturas e servizos, actuacións que redundan na mellora da calidade de vida da súa veciñanza.