Brión contará cun punto limpo móbil

Punto Limpo
O concello de Brión ven de adquirir un camión grúa con colector que se converterá no primeiro punto limpo móbil do municipio.

O novo vehículo supuxo un investimento de máis de setenta mil euros e porase en marcha a primeiros do mes de novembro. Contará polo menos con oito contedores para a recollida de pilas e baterías, lámpadas e tubos fluorescentes, aceites usados, vidro, plásticos, papel e cartón, pequenos electrodomésticos e roupa e calzado.

O camión permitirá a recollida doutros residuos cuxas cantidades serán menores (CD, DVD, disquetes, cassetes, cristal, xoguetes, aerosoles, sprays, radiografías, botes de pintura, varnices, pequenos enseres…). Esta actuación vén complementar a instalación de dous minipuntos limpos no parque municipal de Brión e nos Ánxeles.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, explica que “este novo servizo favorecerá a recollida daqueles residuos especiais susceptibles de recuperación e que non son recollidos no sistema ordinario. Evitará que a veciñanza teña que desprazarse cos residuos xa que este punto limpo móbil achegarase ás distintas aldeas dun xeito periódico e seguindo un plan de viaxe que será dado a coñecer previamente a través das canles habituais de comunicación cos veciños e veciñas”.