O festival Brión Inclúe é unha iniciativa que pretende concienciar -coa cultura como ferramenta de motor social- sobre a necesidade urxente de crear espazos que garantan a accesibilidade ás artes para todo o mundo por igual.
Unha programación na que se mantén o traballo cos centros de ensino do Concello para concienciar ás novas xeracións das diversas realidades que acontecen ao noso redor e, sobre todo, para facerlles ver que ninguén é alleo a elas. E tamén terán cabida os colectivos de persoas con discapacidade da contorna.
O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e dar visibilidade á diversidade funcional como parte propia da cidadanía. Sempre baixo o poder da cultura como ferramenta de integración e a necesidade de seguir reivindicando o dereito a facer e consumir cultura sen barreiras.
En breve, coñeceremos o programa de actividades do festival deste ano, que se publicará a través deste mesmo medio nos vindeiros días.