Brión Inclúe celebrará a súa oitava edición entre os días 2 e 13 de decembro

Brión Inclúe, VIII Festival Cultura pola inclusión
O festival regresa coa súa oitava edición os días 2, 3, 5 e 13 de decembro, cunha programación que reivindica o dereito de todas as persoas a crear e consumir cultura

O festival Brión Inclúe é unha iniciativa que pretende concienciar -coa cultura como ferramenta de motor social- sobre a necesidade urxente de crear espazos que garantan a accesibilidade ás artes para todo o mundo por igual.

Unha programación na que se mantén o traballo cos centros de ensino do Concello para concienciar ás novas xeracións das diversas realidades que acontecen ao noso redor e, sobre todo, para facerlles ver que ninguén é alleo a elas. E tamén terán cabida os colectivos de persoas con discapacidade da contorna.

O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e dar visibilidade á diversidade funcional como parte propia da cidadanía. Sempre baixo o poder da cultura como ferramenta de integración e a necesidade de seguir reivindicando o dereito a facer e consumir cultura sen barreiras.

En breve, coñeceremos o programa de actividades do festival deste ano, que se publicará a través deste mesmo medio nos vindeiros días.