O Concello de Brión recibe unha subvención de 15.000 euros para incorporar un novo punto limpo móbil

Punto Limpo Móbil
A nova unidade permitirá ampliar o servizo de recollida de residuos especiais, especialmente nas aldeas e núcleos rurais de difícil acceso. A actuación conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 21-27

O Concello de Brión resultou beneficiario dunha subvención de 15.000 euros para a adquisición de equipamentos destinados a un novo punto limpo móbil, concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, ao abeiro da Orde do 15 de xaneiro de 2026.

A axuda forma parte da liña 6 do programa de subvencións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos municipais. A actuación conta cun orzamento total de 15.450 euros, dos cales 15.000 euros corresponden ao importe subvencionable, financiado nun 60 % pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e nun 40 % pola Xunta de Galicia.

Un novo equipamento para achegar a reciclaxe á veciñanza

O proxecto contempla a incorporación dunha nova unidade móbil, de menor tamaño e maior manobrabilidade, que permitirá acceder a vías estreitas, aldeas e núcleos rurais onde os equipamentos de maiores dimensións atopan dificultades.

Este novo punto limpo complementará o servizo municipal existente desde outubro de 2025, co obxectivo de ampliar a cobertura territorial e facilitar á veciñanza a entrega de residuos que non deben depositarse nos colectores convencionais.

A unidade estará preparada para a recollida diferenciada de nove tipos de residuos:

  • Pequenos equipos informáticos e de telecomunicacións.

  • Pequenos electrodomésticos.

  • Envases contaminados e aerosois.

  • Xoguetes e outros plásticos.

  • Lámpadas e fluorescentes.

  • Pilas e baterías.

  • Tóner e cartuchos de impresora.

  • Cápsulas de café.

  • CD e DVD.

O proxecto inclúe tamén formación específica para o persoal encargado do servizo, co fin de garantir a correcta manipulación, almacenamento e entrega dos residuos a xestores autorizados.

Con esta actuación, o Concello de Brión busca facilitar a separación e reciclaxe de residuos especiais, mellorar o acceso ao servizo nas distintas parroquias e reducir os vertidos incontrolados.

Financiamento da actuación

Operación: Adquisición de equipamentos para Punto Limpo Móbil do Concello de Brión.

Procedemento: MT975X.

Orzamento total: 15.450,00 €.

Subvención concedida: 15.000,00 €.

Financiamento:

  • Unión Europea, programa Galicia FEDER 2021-2027 (60 %): 9.000,00 €.

  • Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (40 %): 6.000,00 €.

Actuación cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.

 

Punto Limpo 2