Brión centra o POS no saneamento e abastecemento

Brión centra o POS no saneamento e abastecemento
O concello de Brión aprobou os POS da Deputación, obras e servizos e social, cos que investirá cerca dun millón de euros en proxectos e axudas.

Brión aprobou por unanimidade o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+2021, o Plan Complementario de 2021 e o POS + Adicional 202. O Concello de Brión non se sumará este ano a ningunha operación de préstamo.

O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, explica que “destinaremos máis de 250.000 euros a actuacións moi demandadas pola nosa veciñanza, sobre todo en materia de abastecemento e saneamento, e nestes tempos de pandemia destinaremos máis de 140.000 euros a reforzar os servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación para os veciños e veciñas de Bríon, así como para a adquisición de EPIs e medios de prevención tanto para as persoas profesionais dos Servizos Sociais como para aquelas persoas que non conten cos medios necesarios para adquirilos”.

Proxectos financiados

Os 248.698,79 euros da Achega Provincial 2020 destinaranse a catro proxectos de obras: pavimentación da travesía de Bastavaliños (Bastavales), ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nas aldeas de San Salvador (San Salvador de Bastavales) e O Cabo (Os Ánxeles), mellora das redes de saneamento e pluviais da aldea de Tourís (Luaña), e ampliación das redes de abastecemento e saneamento na aldea de Lamiño (Brión).

Os 230.267,13 euros da Achega Provincial 2021 serán destinados a gasto corrente, mentres que os 141.100 euros do POS+Adicional 2021 servirán para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Finalmente, o Pleno aprobou o Plan Complementario do ano 2021 por un importe de 319.479,93 euros. Inclúe dúas obras: mellora de viarios en O Cabo (Os Ánxeles) e A Graña (Cornanda) e ampliación das redes de abastecemento e saneamento na aldea de Buio (Os Ánxeles).

Apoio do BNG

No pleno extraordinario o BNG votou afirmativamente nos distintos puntos pero mostraron o seu malestar por que se presentara a proposta o día 3 de febreiro, sendo o límite de presentación para a Deputación o día 5.

O nacionalistas tamén lamentan que non se contase cos grupos da oposición para facer achegas construtivas sobre a xestión do POS.

No referente ao POS social extraordinario de 139.555 euros, desde o BNG indican que “esta partida ten que ser unha partida extraordinaria, ou sexa, ten que suplementar o esforzo orzamentario do Concello. Por iso estaremos atentos a que no orzamento municipal non se baixe nin un euro e, moi ao contrario, aumenten considerabelmente as partidas en servizos sociais”.