Charla informativa sobre as inminentes labores de mantemento e saneamento nas árbores da Carballeira de Santa Minia

Carballeira de Santa Minia
O vindeiro domingo 10 de decembro, en dúas convocatorias 12 e 18h., realizarase unha xuntanza para informar á veciñanza sobre o estado das árbores da carballeira e onde técnicos especializados indicarán as labores que se deben levar a cabo nos mesmos.

Xa no pasado mes de setembro, ante a previsión da numerosa asistencia de xente á Romaría de Santa Minia, realizáronse traballos previos consistentes na retirada de dúas cachopas mortas e facendo unha poda controlada de polas secas.

No ano 2021 técnicos especializados alertaban do delicado estado dos carballos centenarios que poboan a Carballeira de Santa Minia e do perigo que supoñen para a veciñanza polo seu risco de caída. Un informe da USC avala que moitas delas están moi enfermas e deterioradas e os tratamentos que se foron aplicando ao logo dos anos non tiveron os efectos desexados. Neste mesmo ano solicitouse outro informe que sentenza que once dos exemplares están contaminados por un fungo denominado "Amillaria mellea", que se estende como unha mancha de aceite podrecendo raíces e contaminado a terra de maneira irreversible.

Nesta carballeira xa se tiveron que lamentar varios episodios como consecuencia da enfermidade das arbores, afortunadamente ningún deles con consecuencias maiores. O episodio mais grave producíase no ano 2021 cando unha árbore de grandes dimensións caia sobre as dependencias da Casa da Cultura derruíndo parte do tellado e mais do balado exterior e danando tamén considerablemente o ascensor para persoas con mobilidade reducida que se atopa na entrada da mesma. En outubro de 2022 tivo lugar outro contratempo serio ao derrubarse un dos carballos mais senlleiros que coroaba a entrada da carballeira tras unha noite de fortes choivas e ventos. Fai escasos días produciuse novamente a rotura e caída dun dos exemplares sen ter que lamentar danos, pero foi especialmente preocupante por terse producido no día en que se celebra o mercado municipal na propia carballeira e suceder a escasos metros dun dos postos.

Ante a gravidade da situación, convócase a veciñanza interesada o vindeiro domingo 10 de decembro en primeira convocatoria ás 12h. e en segunda as 18h. para que os técnicos poidan explicarlles cal é a situación actual da Carballeira e cales son as medidas que se deben tomar de maneira urxente para a conservación deste espazo natural.

Data: Domingo 10 de decembro de 2023
Hora: Ás 12:00 e as 18:00h.
Lugar: Carballeira de Santa Minia

Máis info: https://i.gal/8Gh7q