María Antonia Cao presenta en Brión a súa primeira novela

Imaxe da presentación do libro de María Antonia Cao
A Sala Municipal de Exposicións acolleu a presentación do libro “Rosas y espinas”, unha obra coa que María Antonia Cao López debuta coma escritora.

A brionesa de Os Ánxeles residente en Barcelona, María Antonia Cao, presentou o xoves 16 de decembro en Brión “Rosas y espinas”, a súa primeira novela publicada pola editorial Letrame. María estivo arroupada por familiares, amigos e unha numerosa veciñanza que acudiu ao evento para coñecer a obra coa que debuta como escritora.

O acto contou coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da concelleira María Rosa Romero. O rexedor foi o encargado de iniciar o serán literario e, no seu discurso de presentación, destacou as ligazóns que unen a María Antonia con Brión, transmitíndolle á escritora o apoio incondicional de todos os presentes e desexándolle unha longa traxectoria na súa nova faceta como escritora.

Acompañada na mesa polo seu esposo, José Eduardo Limiñana, e a súa amiga, Vanesa Castro, a autora lembrou emocionada a forte ligazón emocional que a une con Brión, un vínculo inquebrantable a pesares da distancia que separa a Cidade Condal, onde reside na actualidade, da súa parroquia natal de Os Ánxeles, lugar onde transcorreron os seus primeiros anos de vida.

Ao remate do acto, moitas das persoas asistentes achegáronse ata a escritora cun exemplar do seu libro na man, aproveitando a ocasión para saúdala, felicitala e solicitar unha dedicatoria. Por certo, un libro que xa forma parte do catálogo da biblioteca municipal e se atopa a disposición de todas as lectoras e todos os lectores por cortesía de María Antonia.