Nova edición do Programa Integrado de Emprego dos concellos de Ames e Brión 2023 - 2024

Imaxe obradoiro de emprego Inser Amesbrión
Ata o día 12 de xaneiro está aberto o prazo para solicitar praza no novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión (2023-2024). Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas.

O novo Programa Integrado de Emprego dos concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de xaneiro e novembro de 2024. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 216.610,00 € e confinanciado polos concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.

Para participar no programa as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:

- Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

- Persoas maiores de 45 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

- Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

ACTIVIDADES

As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas (inglés) e novas tecnoloxías, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, manipulación de alimentos, 1º auxilios, habilidades sociais e comunicación, marca persoal, etc.

Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que podan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).

Ademais poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.

BOLSAS E AXUDAS Á CONCILIACIÓN

As persoas que formen parte do novo Programa Integrado de Emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 €/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.

O Programa desenvolverá as actividades no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Rúa Costaneira, 2. Urb. Aldea Nova. Ames)

INSCRICIÓNS:

As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos pinchando nesta ligazón.

BALANCE DA EDICIÓN 2022-2023 DO PROGRAMA INTEGRADO AMES-BRIÓN

O pasado 16 de novembro rematou a edición 2022-2023, superando o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes chegando case ao 50%.

Formación para o emprego

Ao longo do Programa desenvolvéronse 6 itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos: Actividades para a infancia e a xuventude, Actividades de comercio e atención ao público, Xestión e organización do almacén, Turismo, Limpezas xerais e Novas tecnoloxías.

Realizáronse un total de 28 actividades formativas do catálogo de especialidades do SEPE e formación con homologacións oficiais como o curso de Monitorado de actividades de tempo libre e o de Operador Carretilla Elevadora (UNE 58451).                                                                                                           

Ademais, impartíronse cursos de carácter transversal de diversa temática e duracións que melloraron os perfís das persoas participantes. Así, tiveron lugar cursos de Inglés (Básico e de preparación do nivel B1), Ofimática, Creación e Xestión de Marca persoal, Habilidades sociais, Técnicas de busca de emprego e entrevistas de traballo, Contratación laboral, Emprendemento etc.

Para facilitar a participación e ampliar a diversidade da oferta de cursos, as persoas participantes tamén dispuxeron da plataforma de formación en liña cun catálogo de máis de 250 cursos clasificados por familias profesionais coa flexibilidade que implica esta modalidade.                                                                                                             

Titorías individuais

As persoas participantes asistiron con regularidade ás sesións de orientación individuais (titorías) nas que se lles asesorou no seu proceso de procura de emprego, as actividades a realizar no Programa e en calquera outra cuestión que precisaran para mellorar a súa empregabilidade.

Prácticas non laborais en empresas

A realización de prácticas non laborais en empresas, vinculadas á formación sectorial, é unha das actividades con mellores resultados para a inserción laboral e que conecta ás persoas participante co tecido empresarial, sendo en moitos casos a súa primeira experiencia laboral. Así, 48 participantes desenvolveron a súa actividade de prácticas froito da sinatura de  convenios de colaboración para a realización de prácticas dos cursos de “Operacións básicas de comercio”, “Organización e xestión de almacén”, “Monitorado de ocio e tempo libre”, “Monitorado de comedor escolar” e “Recepción e atención ao cliente en establecementos de aloxamento” e “Operacións básicas de limpezas xerais” en diferentes empresas da comarca pertencentes a distintos sectores de actividade.

Para ampliar información sobre o Programa poden contactar no enderezo: inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María) e 663 771 876 (Pablo).