O impacto do cambio climático en Galicia xa non é unha ameaza futura, senón unha realidade urxente. Basta con mirar o estado dos ríos, encoros e acuíferos para comprobar como as ondas de calor adiantadas, as secas máis longas do habitual e a irregularidade das precipitacións están a poñer en risco un recurso que sempre demos por garantido. Ante este escenario, o Concello de Brión e Espina & Delfin poñen en marcha, un ano máis, a súa campaña de consumo responsable de auga, baixo o lema "A auga non é infinita. Consúmea con cabeza".
Espina & Delfin, empresa concesionaria do servizo municipal de auga, traballa en estreita colaboración co goberno local nesta iniciativa. Así, combinaranse materiais informativos e canles de comunicación dixital para que a mensaxe de aforro chegue á veciñanza coa maior proximidade posible.
En 2025, o volume de auga consumida pola veciñanza do Concello de Brión situouse en 354.737 m3, o que supón unha media mensual de 29.561 m3. Se analizamos a evolución ao longo dese ano, o pico de consumo rexistrouse en plena tempada estivai: no mes de agosto acadouse o valor máximo, con 78.104 m3. Pola contra, abril foi o mes con menor demanda, cun total de 48.055 m3. Esta diferenza implica que durante o mes de agosto o consumo de auga foi un 38 % superior ao do resto do ano.
A campaña pon o foco en que ningunha acción individual é pequena cando se trata de aforrar e protexer o ciclo integral da auga. Por iso, máis alá da teoría, apóstase por trasladar pautas moi sinxelas e fáciles de aplicar no día a día. No fogar, pecha a billa mentres enxaboas os pratos ou os dentes, escolle a ducha fronte ao baño, e que non se alongue máis do necesario, e usar lavadoras e lavalouzas a carga completa. É importante tamén revisar as instalacións domésticas ou instalar aforradores de caudal para evitar os litros que se perden co goteo.
Encher a piscina, lavar o coche ou regar o xardín son hábitos frecuentes nesta época, pero convén facelos con responsabilidade: evitar as horas de máis calor, aproveitar mellor cada litro e reducir os usos que non sexan necesarios. E se marchamos de vacacións e a vivenda queda baleira, deberíamos pechar a chave de paso para evitar fugas e sobresaltos mentres non hai ninguén para detecta los. Porque coidar a auga tamén depende desas pequenas decisións que, sumadas, axudan a protexer un recurso cada vez máis valioso e vulnerable.
Sobre Espina & Delfin
Espina & Delfin é unha compañía especializada na xestión integral do ciclo da auga, con presenza en numerosos municipios de Galicia. A súa actividade abrangue a operación de estacións de tratamento de auga potable (ETAP), instalacións de depuración de augas residuais e outras infraestruturas vinculadas ao abastecemento, cun firme compromiso coa sostibilidade, a innovación e o servizo á cidadanía.