O Concello de Brión mellora o Palco da Música da Carballeira e reforza a divulgación dos recursos do territorio

Palco da Música Carballeira de Santa Minia
A actuación inclúe a rehabilitación exterior do palco, a creación de aseos públicos e novos paneis para promocionar os recursos turísticos, produtivos e culturais do municipio

O Concello de Brión vén de executar un proxecto de investimento destinado á posta en valor do Palco da Música da Carballeira de Santa Minia e á mellora dos servizos dispoñibles neste espazo, especialmente durante a celebración dos mercados e outras actividades.

A actuación permitiu mellorar o estado exterior do Palco da Música e construír aseos públicos na súa parte inferior, dotando así a Carballeira dun equipamento necesario para atender tanto ás persoas vendedoras como ao público asistente aos mercados e aos diferentes eventos que se desenvolven nesta contorna.

Con esta intervención, o Concello busca conservar e valorizar un elemento representativo do patrimonio local, ao tempo que mellora as condicións e os servizos dun dos principais espazos de encontro e celebración de actividades de Brión.

Divulgación dos recursos do territorio

O proxecto complétase coa creación de paneis divulgativos destinados á promoción dos recursos do municipio, que serán utilizados durante os mercados celebrados na Carballeira e tamén nas actividades e eventos aos que se asista en representación do Concello de Brión.

Estes soportes permitirán dar a coñecer os recursos turísticos de Brión, a produción local agroalimentaria e artesanal, as actividades agropecuarias e outras iniciativas relacionadas coa recuperación e divulgación dos oficios tradicionais.

O obxectivo é favorecer o coñecemento dos recursos propios do territorio e ofrecer aos produtores, artesáns e iniciativas locais unha ferramenta adicional de promoción dentro e fóra do municipio.

Cofinanciamento europeo

As actuacións foron cofinanciadas polo GDR Terras de Compostela, no marco da Iniciativa LEADER, con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).