Un novo contratempo na Carballeira de Santa Minia sálvase sen ter que lamentar danos persoais nin materiais.

Carballo
Na mañá de hoxe produciuse unha nova caída dun dos carballos deste espazo natural do Concello de Brión.

Este novo episodio aínda que non reverteu danos é especialmente preocupante por terse producido no día en que se celebra o mercado municipal na propia carballeira e caer a escasos metros dun dos postos.

Xa no pasado mes de setembro, ante a previsión da numerosa asistencia de xente á Romaría de Santa Minia, realizáronse traballos previos consistentes na retirada de dúas cachopas mortas e facendo unha poda controlada de polas secas.
No ano 2021 técnicos especializados alertaban do delicado estado dos carballos centenarios que poboan a Carballeira de Santa Minia e do perigo que supoñen para a veciñanza polo seu risco de caída. Un informe da USC avala que moitas delas están moi enfermas e deterioradas e os tratamentos que se foron aplicando ao logo dos anos non tiveron os efectos desexados.

Nesta carballeira xa se tiveron que lamentar varios episodios como consecuencia da enfermidade das arbores, afortunadamente ningún deles con consecuencias maiores. En outubro de 2022 tivo lugar o último contratempo serio ao derrubarse un dos carballos mais senlleiros que coroaba a entrada da carballeira. Foi tras unha noite de fortes choivas e ventos e neste caso non tiveron que lamentarse danos persoais nin materiais. Pero o episodio mais grave producíase no ano 2021 cando outra árbore de grandes dimensións caia sobre as dependencias da Casa da Cultura derruíndo parte do tellado e mais do balado exterior e danando tamén considerablemente o ascensor para persoas con mobilidade reducida que se atopa na entrada da mesma.

Ante a gravidade da situación, vaise convocar a veciñanza nos vindeiros días para que os técnicos poidan explicarlles cal é a situación actual da Carballeira e cales son as medidas que se deben tomar de maneira urxente para conservar este espazo natural.