XIX Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Neira Vilas

Encabezado do cartel do XIX Encontro coa Arte
Os días 3, 4 e 5 de xullo, Brión acollerá unha nova edición dos Encontros coa Arte, unhas xornadas de convivencia e creación artística nas que participarán preto dunha trintena de artistas plásticos procedentes de diferentes puntos do Estado.

As artes plásticas volverán ocupar un lugar destacado na axenda cultural brionesa durante a vindeira fin de semana coa celebración da XIX edición dos Encontros coa Arte, que este ano rende homenaxe ao xornalista, escritor e académico Xosé Neira Vilas, unha das figuras máis relevantes da literatura galega. A súa pegada estará moi presente nun programa que combina creación, convivencia e difusión artística e cultural.

Entre as actividades previstas destacan os obradoiros de pintura de acuarela e modelado, abertos a público infantil e adulto; o concurso de pintura e debuxo para crianzas e mocidade; os seráns de pintura do natural no adro da igrexa de S. Xiao de Bastavales, nas insuas de Ponte Ledesma (Vila de Cruces) e no paseo do río Pego; a visita teatralizada de Os Quinquilláns na igrexa de Bastavales; a representación de "Memorias das Memorias dun neno labrego", a cargo de Cándido Pazó; así como a inauguración da exposición do XVIII Encontro coa Arte e da mostra "A vida nun lápis", sobre Siro, cedida pola Biblioteca de Galicia. O programa completo pode consultarse na seguinte ligazón.

Cómpre lembrar que as entradas para o espectáculo "Memorias das Memorias dun neno labrego" están xa esgotadas. Pola súa banda, a visita teatralizada de Os Quinquilláns en Bastavales será de acceso libre. Tamén serán de participación libre, sen necesidade de inscrición previa, os obradoiros de pintura á acuarela e modelado, dirixidos tanto a público infantil como adulto.

Así mesmo, todas as persoas interesadas poderán asistir libremente aos seráns de pintura do natural, que se desenvolverán en Bastavales, nas insuas de Ponte Ledesma (Vila de Cruces) e no paseo do río Pego.