O Concello de Brión cambia a súa imaxe para adaptala aos novos tempos pero sen esquecer a súa historia, paisaxe e orixe

Imaxe gráfica
A nova imaxe gráfica substituíra a anterior na que se podía ver unha torre na que se diferenciaba a letra B e que fora escollida entre mais de 100 propostas presentadas ao concurso convocado a tal efecto no ano 2009 polo Concello de Brión.

Este cambio está xustificado pola necesidade de adaptar a imaxe de marca aos novos tempos e as novas tendencias en deseño. Actualmente estamos inmersos nun tempo de grandes cambios e avances e os procesos que estaban comezando a integrarse socialmente, como a dixitalización da administración, sufriron un gran empurrón e están a incorporárense de súpeto nas nosas vidas. Precisamente este auxe fixo que nos déramos conta de que era necesario actualizarse. Neste proceso de modernización era fundamental ter unha imaxe actual, transversal á realidade actual e aplicable a todos os ámbitos municipais dende a súa papelería, ata a sinalética pasado tamén pola súa utilización nas novas tecnoloxías.

Con esta nova identidade o que se pretende e proxectar unha imaxe do concello cosmopolita, innovadora e atractiva que reflexe un Brión mozo e alegre e que ten magníficas posibilidades de avanzar cara o futuro.

Outro dos obxectivos é unificar a identidade do Concello para facelo máis próximo e recoñecible cara a veciñanza e evitar así as imaxes confusas da institución. Ata a data o símbolo empregado non dispuña de manual de identidade gráfica e convivía con multitude de variantes diferentes. Con esta nova marca as comunicacións do concello dotaranse de coherencia interna e carácter propio o que axudará a comunicar mellor.

Nesta nova imaxe recóllense sintetizados varios dos elementos mais representativos de Brión: a Torrre de Altamira, os rios Tambre e Sar e a ondulación propia do relevo paisaxístico municipal que tamén representa a división natural do municipio nas dúas zonas, a alta na vertente do Tambre e a baixa que forma o val da Amaía. Todo isto constrúe graficamente unha identidade propia que reflicte de xeito fidedigno o que somos como pobo, a nosa historia e a nosa orixe.

Cabe destacar tamén que este cambio de imaxe non supuxo ningún gasto para as arcas municipais xa que foi deseñada internamente por técnicos municipais que, ademais de crear esta imaxe, traballaron nas súas diferentes adaptacións construíndo un manual de identidade corporativa onde se recollen os datos técnicos e de uso que deben seguirse para a súas correctas utilizacións.

O proceso de implantación da nova imaxe comezará a facerse inmediatamente despois da súa presentación diante da veciñanza e seguirase realizando de xeito paulatino, comezando polas dependencias do concello para ir despregándose pouco a pouco por todos os ámbitos municipais. Asemade tamén se continuará facendo uso puntual do escudo heráldico do ano 1984 deseñado por Jaime Bugallal y Vela en determinados actos oficiais.