“Altamira Brilla” celebra a súa cuarta edición para poñer en valor a memoria histórica do Val da Maía

Altamira Brilla 2025
O evento desenvolverase nos concellos de Brión e Ames os días 13 e 14 de xuño cun variado programa de actividades culturais e de divulgación histórica.

“Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía organizada polos Concellos de Brión, Ames e a Deputación da Coruña, celebra este ano a súa cuarta edición. O evento conmemora a histórica Batalla de Altamira, acontecida o 13 de xuño de 1471, e terá lugar o venres 13 e sábado 14 de xuño cun variado programa de actividades culturais e de divulgación histórica.

A programación inclúe actuacións musicais a cargo dos grupos de pandeireteiras de Brión e Ames, un concerto do grupo Carmela, unha ruta teatralizada polos escenarios máis representativos da batalla e unha representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns.

As actividades desenvolveranse nun espazo de grande valor histórico e patrimonial como é as Torres de Altamira, declaradas Ben de Interese Cultural e propiedade da Deputación da Coruña. Situadas no lugar de A Torre, en Brión, constitúen un excepcional miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, foron derrubadas no século XIV e reconstruídas no ano 1471, precisamente no contexto da batalla que agora se conmemora.

O obxectivo principal de “Altamira Brilla” é divulgar e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da comarca, así como recuperar a memoria histórica dun acontecemento clave no século XV: o enfrontamento entre as tropas do arcebispo Alonso de Fonseca II e as de Lopo Sánchez de Moscoso.

Programa de actividades

Venres 13 de xuño – Actuacións musicais nas Torres de Altamira (Brión)

  •     20:00 h – Actuación do grupo de pandeireteiras da Costaneira de Ames
  •     20:30 h – Actuación do grupo da Escola Municipal de Pandeireta de Brión
  •     21:00 h – Concerto do grupo Carmela

Acceso gratuíto con convite previo, dispoñible na Billeteira do Concello de Brión.

Sábado 14 de xuño – Ruta teatralizada e representación teatral

Ruta teatralizada polos escenarios da Batalla de Altamira.

As persoas participantes percorrerán os principais escenarios do enfrontamento histórico, combinando tramos a pé e en autobús, con parada en puntos como Augapesada, Ponte Maceira, Trasmonte e as propias Torres de Altamira.

 Horarios e puntos de saída:

  • 16:30 h – Saída en autobús da Carballeira de Santa Minia (Brión)
  • 16:45 h – Saída en autobús do Pazo da Peregrina (Ames)
  • 17:00 h – Inicio da ruta en Augapesada (Ames)
  • 20:00 h – Chegada ás Torres de Altamira (Brión)
  • 20:30 h - Presentación e contextualización
  • 21:00 h - Representación teatral
  • 22:00 h – Regreso en autobús aos puntos de saída

Inscrición previa obrigatoria en: rutabatallaaltamira@gmail.com

Itinerario:

Desde Augapesada percorrerase un tramo a pé polo Mar de Ovellas (só o tramo de terra). O autobús recollerá posteriormente aos/ás participantes para trasladalos ata Ponte Maceira, a Igrexa de Trasmonte e, desde alí, camiñarán ata as Torres de Altamira pasando polo Pazo de Leboráns.

Representación teatral: Os Quinquilláns

Ás 20:30 horas terá lugar unha presentación e contextualización da representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns, que dará comezo ás 21:00 horas.

 A actividade está aberta tamén ao público xeral, independentemente da participación na ruta teatralizada. Convite gratuíto dispoñible na Billeteira do Concello de Brión.

“Altamira Brilla” é unha oportunidade única para descubrir, a través da música, do teatro e da historia viva, un episodio fundamental na identidade do Val da Maía.