O Concello de Ames e o Concello de Brión poñen en marcha o novo obradoiro dual de emprego “Renova Verde”, un programa público de formación e emprego que contará con 20 prazas para alumnado traballador desempregado. Do total de prazas, 15 corresponderán ao Concello de Ames e 5 ao Concello de Brión.
Os obradoiros duais de emprego permiten que as persoas participantes reciban unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Neste caso, o programa estará financiado a través dunha subvención de 454.552 euros, concedida aos concellos de Ames e Brión pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, destinada ao financiamento dos custos de formación profesional para o emprego.
Ademais, concedéronse 36.000 euros para 8 incentivos á contratación laboral, co obxectivo de favorecer a inserción das persoas participantes unha vez rematada a formación.
Dúas especialidades formativas
O obradoiro “Renova Verde” terá unha duración de 9 meses e desenvolverase, segundo as datas previstas, entre o 1 de xuño de 2026 e o 28 de febreiro de 2027.
A formación incluirá dous certificados de profesionalidade de nivel 2:
ENAE0108: Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, con 10 prazas.
AGAO0208: Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, con 10 prazas.
Ademais da formación específica de cada especialidade, o alumnado recibirá formación complementaria e transversal en prevención de riscos laborais, sensibilización ambiental e eficiencia enerxética, igualdade de xénero, alfabetización informática, inserción laboral, técnicas de busca de emprego e formación empresarial.
Traballos de interese municipal en Ames e Brión
O obradoiro combinará formación teórica e práctica con actuacións reais en espazos e instalacións municipais.
No ámbito da enerxía solar fotovoltaica, o alumnado realizará novas instalacións na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames en Aldeanova.
Tamén se levarán a cabo traballos de mantemento en instalacións fotovoltaicas xa existentes, entre elas o campo de fútbol e o pavillón polideportivo de Bertamiráns, o campo de fútbol de Milladoiro, a Casa da Cultura e as instalacións deportivas do Milladoiro, a escola infantil de Brión, o pavillón polideportivo de Brión, o espazo colaborativo de Brión, a depuradora de Ameixenda, a depuradora de Milladoiro, o Centro Social Polivalente de Brión, a ETAP de Lens dos concellos de Ames e Brión, a pérgola fotovoltaica da biblioteca de Brión, a EDAR de Sisalde, as piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, as escolas infantís A Madalena de Milladoiro e O Bosque de Bertamiráns, e a Escola de Música de Brión.
Na especialidade de xardinería e zonas verdes, están previstas actuacións como a recuperación ambiental do bosque en galería e obras de xardinería no parque do Ameneiral, en Bertamiráns; a instalación dun xardín climático na rúa da Madalena, no Milladoiro; o mantemento dos xardíns da rúa Anxeriz, tamén no Milladoiro; e a instalación e mellora de zonas verdes e rotondas no Concello de Brión.
Proceso de selección
As bases reguladoras do proceso de selección publicaranse nos vindeiros días. Ao longo do mes de maio desenvolverase o proceso selectivo tanto do alumnado traballador como do persoal directivo, docente e de apoio.
Para participar como alumnado traballador será necesario cumprir os seguintes requisitos: ter domicilio no Concello de Ames ou no Concello de Brión; ter 18 anos ou máis; estar desempregado ou desempregada e inscrito no Servizo Público de Emprego de Galicia; estar inscrito nalgún dos servizos 320, 330, 340 ou 370, ou ben nas ocupacións relacionadas cos perfís da formación que se vai impartir; cumprir os requisitos do contrato de formación en alternancia no momento da selección e da contratación; e cumprir os requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2, para os que se require como mínimo a ESO ou unha titulación equivalente.
Non poderán participar as persoas que xa teñan cursado calquera dos certificados de profesionalidade que se impartirán neste obradoiro, con independencia de que o resultado fose de superado ou non superado.
Máis información
As persoas interesadas poden obter máis información a través do correo electrónico emprego@concellodebrion.gal ou no teléfono 981 887 006, extensión 6 emprego, en horario de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.