O festival gratuíto de ciencia en bares “Pint of Science España” chega a próxima semana ao bar "O Novo Faro" en Brión

Imaxe do bar O Novo faro, lugar onde se celebrará o evento
Serán oito charlas científicas que terán lugar nas tardes do 18, 19 e 20 de maio e que incluirán unha xornada especial con obradoiros de “Ciencia en miniatura” dirixidos a crianzas de entre 3 e 12 anos

Brión participará por primeira vez no festival gratuíto de ciencia en bares “Pint of Science España”, que se desenvolverá nas tardes dos días 18, 19 e 20 de maio no bar O Novo Faro e que conta coa colaboración do Concello de Brión. Un evento que este ano celebra a súa undécima edición en 114 cidades de todo o territorio nacional e que este ano decidiu incorporar por primeira vez 29 novas localizacións en áreas rurais, entre as que se atopa Brión.

Un dos obxectivos desta iniciativa é establecer un diálogo directo entre os investigadores e científicos e a sociedade brionesa. Nerea Lago, investigadora postdoutoral, responsable de Comunicación desta edición e veciña de Brión, explica que “moitas veces pensamos que a investigación está lonxe do noso día a día, pero eventos como Pint of Science demostran que a ciencia tamén pode entenderse de forma sinxela en un ambiente próximo. Queremos que a xente se anime a participar, preguntar, descubrir todo o que hai detrás do traballo investigador e ver a importancia que a ciencia ten nas nosas vidas, mentres comparte un bo rato no noso municipio”.

Programación

“O programa inclúe oito charlas científicas que nos permitirán dar resposta a cuestións como: poden transformarse residuos en bioplásticos?, que ten un dinosauro na cachola?, teñen algunha relación as sardiñas cos castelos na Idade Escura? ou como se analiza o pelo na toxicoloxía forense?... que serán impartidas por prestixiosas persoas investigadoras e científicas”, apunta Antía Lestido Cardama, coordinadora do evento e veciña de Brión. 

O programa arrincará o luns 18 de maio, ás 18:00 horas, coa conferencia “Transformar residuos para facer bioplásticos”, na que María del Carmen Veiga Barbazán, profesora da Universidade da Coruña, explorará como diferentes tecnoloxías permiten transformar residuos en bioplásticos e outros compostos de valor. Pola súa banda, Manuel Collado Rodríguez, líder dun grupo de investigación no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, disertará sobre “Reprogramando o envellecemento”, na que falará sobre novas investigacións que permiten atrasar o reloxo biolóxico e devolver a xuventude aos tecidos humanos.

Ás 19:00 horas, o bar O Novo Faro de Brión acollerá tamén “Pint Kids x Brión”, uns obradoiros para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que combinan xogo con aprendizaxe a través de experimentos prácticos variados, dende actividades de psicomotricidade ata a observación de células a través do microscopio. Haberá dúas quendas, a participación é de balde e as prazas asignaranse por orde de inscrición na web (https://pintofscience.es/event/pint-kids-x-brion/) ou no formulario https://forms.gle/iJrYDTKi734HJvLD8

O martes 19 de maio, a partir das 19:00 horas, terán lugar tres charlas divulgativas que exploran o pasado desde diferentes perspectivas. Así, Clara Veiga Rilo, profesora de arqueoloxía na no Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre “A vida a través da morte”, explicando como a través do estudo químico e da patoloxía dental de cemiterios arqueolóxicos de Galicia podemos coñecer como eran os galegos que viviron antes ca nós. Ángela López Rabuñal, investigadora asociada ao Grupo de Toxicoloxía Clínica e Conductual da USC, disertará sobre “A análise de pelo en toxicoloxía forense”, explicando como se fai, que tipo de información pode achegar e as diferenzas con outras análises como as de sangue ou ouriños. Finalmente, Xairo Calvo Pérez, do Museo da Lourinha, mergullará aos brioneses na paleontoloxía para amosar como estudar o cerebro e os órganos dos sentidos un ornitomimosauro, na charla “Que ten un dinosauro na cabeza?”.

As tres derradeiras charlas do ciclo terán lugar o mércores 20 de maio, a partir das 19:00 horas. Na primeira, titulada “Biotecnoloxía vexetal: do laboratorio ao campo”, Lara Gómez Brandón, do laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar, falará sobre como multiplicar as variedades de oliveira autóctona ou como aplicando termoterapia se pode conseguir patacas libres de virus. O xeógrafo Diego Cidrás Fernández, da USC, disertará sobre “O eucalipto e os límites da ciencia das invasión”, contado a experiencia xurdida en 2017 no concello de Teo para que o eucalipto fose declarado Especie Exótica Invasora. Finalmente, o arqueólogo Mario Ramos Soriano porá en cuestión a idade da Alta Idade Media como “idade escura”, ofrecendo unha visión renovada sobre a Galicia costeira nese período a través da arqueoloxía no seu relatorio “Entre sardiñas e castelos na Idade Escura”.

“Pint of Science” é un evento gratuíto e aberto a todas as persoas que desexen asistir. Conta coa colaboración do Concello de Brión, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Cienytech e Portomédica, que se unen aos patrocinadores a nivel nacional como Fundación Pfizer, Labbox, CESIF, VHIO, Miltenyi, JJNN e Vadillo Asesores.