Brión recuperará da man de Concursos Hípicos no Camiño os eventos cabalares os próximos 24, 25 e 26 de xuño coa celebración da segunda proba do CHNC TOUR 2022

Concursos Hípicos no Camiño
O Val da Amaía recupera neste 2022 as probas equinas coa celebración do Concurso de Saltos Nacional dúas estrelas e o Concurso Completo de Equitación nunha localización como Rañalonga onde anos atrás se celebraban as probas da tradicional Festa do Cabalo.

Desde 2013 último ano na que tivo lugar a tradicional festa que chegou a cumprir 31 edicións, Brión quedara orfa de eventos equinos oficiais. A espera poñerá fin o próximo 24 de xuño cando os participantes tanto no concurso de salto como no completo de equitación, volvan competir dentro do evento que vai levar a cabo Concursos Hípicos no Camiño, asociación vinculada a eventos equinos e que xa desenvolveu competicións desta índole en Vedra, Silleda e outras localidades da xeografía galega.

A inscrición para as probas atópase aberta a través da páxina web da Federación Hípica Galega e na actualidade xa supera entre ambalas disciplinas o medio cento de matriculados.

Diego Gómez presidente do concurso: “agora mesmo estamos a traballar duro na montaxe das pistas de competición, nesta ocasión apostamos por unha pista de area de sílice dada a natureza do terreo onde se van situar, queremos que Brión volva ser un referente no mundo da hípica galega”.

Pola súa banda Javier Masaguer director técnico do concurso indica “ O Concello de Brión sempre tivo unha gran tradición cabalar de aí a nosa aposta por traer ata aquí una das nosas probas deste 2022. Desde o consistorio foron todo facilidades para poder poñer en marcha este proxecto no que temos depositadas moitas esperanzas xa non só nesta edición se non en próximas que seguro se levarán a cabo.

A cita será en Rañalonga os vindeiros 24,25 e 26 de xuño e ademais de hípica os asistentes poderán gozar dunha ampla oferta gastronómica e concertos.