Os Reis Magos visitaron as parroquias de Brión

Os Reis Magos de Oriente
As SS.MM. os Reis Magos visitaron Brión un ano mais para coñecer en persoa ás nenas e aos nenos brioneses e recibir as súas peticións de última hora.

O 5 de xaneiro foi unha xornada que en Brión se viviu dun xeito moi especial. Como cada ano por estas datas, as SS.MM. os Reis Magos achegáronse ata o noso concello para acudir a súa cita coas familias brionesas horas antes de iniciar a súa ardua tarefa de colmar de agasallos os fogares dunha parte do mundo.

Un ano mais, a comitiva real cambiou o habitual acto de recepción no pavillón municipal por un novo modelo que permitiu aos Magos de Oriente visitar cada unha das parroquias que conforman o Concello de Brión. Un sistema que se iniciou hai dous anos, por mor das limitacións sanitarias impostas pola pandemia, e que resultou ser enormemente gratificante para as Súas Maxestades e as crianzas dos diferentes lugares do municipio.

Despois de ser recibidos polas autoridades municipais en Pedrouzos, as SS.MM. de Oriente subiron a un fermoso autobús de época para iniciar un percorrido que se prolongou durante toda a xornada. Acompañados polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, os Reis Magos dirixíronse cara a súa primeira parada no lugar de Cornanda, onde as Súas Maxestades recibiron a todas as familias que quixeron achegarse e coñecer persoalmente a tan ilustres visitantes. As seguintes escalas do programa conduciron á comitiva ás parroquias de Luaña, Viceso, Ons e Boullón.

Pola tarde, as Súas Maxestades Reais proseguiu o seu percorrido con recepcións programadas nos adros de San Xián e San Salvador de Bastavales, na Carballeira de San Ramón de O Tremo, no adro do templo parroquial de Os Ánxeles e para rematar, xa ben entrado o serán, na Carballeira de Santa Minia en Pedrouzos.

Outro ano mais, as crianzas, nais, pais, avoas e avós puideron coñecer en persoa a Melchor, Gaspar e Baltasar. As Súas Maxestades non dubidaron en conversar un bocadiño cos máis pequenos, momento que aproveitaron para convidar a todas as persoas asistentes a unha merenda consistente en chocolate quente, churros e un anaco de roscón; e sen esquecer as lambetadas, que triunfaron entre as/os meniñas/os.

Unha xornada que se fixo longa e fatigosa para as SS. MM. Os Reis Magos, pero que resultou enormemente satisfactoria e moi gratificante. Rematada, Gaspar, Melchor e Baltasar baixaron do autobús para dirixirse de inmediato cara as súas monturas cargadas de agasallos e iniciar na madrugada un novo itinerario, agora por todos e cada un dos fogares de Brión.

Os  Magos de Oriente, antes de abandonar Brión, deixáronnos unha encomenda, transmitir a toda a veciñanza unha grande e agarimosa aperta e o seu máis sincero agradecemento por unha xornada máxica e especial na que Brión acolleu dun xeito caloroso e hospitalario ás SS. MM. Os Reis Magos.