Un grupo de 18 mozos e mozas de Guillena (Sevilla), de idades entre os 18 e 35 anos, visitou Brión, municipio co que están “irmandados” dende o ano 1992, dentro da súa tradicional viaxe de verán. Unha iniciativa que este ano escolleu Galicia como destino e que os levou a visitar localidades como Pontevedra, Combarro, O Grove, Sanxenxo, Illa de Arousa e que hoxe os levou ata Brión, de onde saíron para completar un tramo do Camiño de Santiago.
A expedición foi recibida polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, quen puxo en valor o histórico vinculo de amizade que manteñen Brión e Guillena dende 1992 e que permitiu varios intercambios culturais, deportivos e de mocidade entre ambos municipios ao longo dos últimos trinta anos. Uns encontros nos que participou o propio alcalde brionés nos seus anos mozos, tal e como explicou á expedición sevillana encabezada polo concelleiro de Xuventude, Julio Alberto Delgado.
Un “irmandamento” xurdido polo interese do Concello de Brión por levar a 150 nenos e nenas a visitar a Expo 92 de Sevilla, polo que buscou municipios nunha contorna de 20 km da capital andaluza cos que establecer un acordo de intercambio. Guillena amosou o seu interese e permitiu que 150 nenos e nenas de Brión viaxaran a Sevilla no 1992 e que un ano despois outros tantos nenos e nenas de Guillena visitaran Brión co gallo do Xacobeo 93. Dende este primeiro encontro, téñense producido máis intercambios entre ambos os dous municipios: 2005, 2006, 2010 e 2019, mantendo así un “irmandamento” a pesar de que non existe acordo formal como tal.
O alcalde brionés agasallou aos mozos e mozas participantes nesta viaxe cunha mochila e un termo serigrafiados co escudo do Concello de Brión, así como cunha selección de libros sobre o municipio para o concelleiro Julio Alberto Delgado. Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude entregoulle un caixón con produtos típicos de Guillena: aceite de oliva Agromanuleo SL, queixo de cabra de Torrelareina SL e mel puro de abella de Hermanos Noya, así como un emblema do municipio.
A expedición, na que participan 18 mozos e mozas das localidades de Guillena, Torre de la Reina e Las Pajanosas, iniciará mañá venres 17 de xullo o camiño de volta, despois dunha semana de experiencias, convivencia e novas amizades.