Unha semana de actividades en Brión contra a violencia machista

Día internacional contra a violencia de xénero
Unha andaina, charlas ou un curso de autodefensa son algunhas das iniciativas cuxa inscrición está aberta até o 17 de novembro

A area de Igualdade do departamento de Servizos Sociais do Concello de Brión programa a "Semana 25N", unha variada programación dirixida a veciños e veciñas do municipio co obxectivo de sensibilizalos na loita contra a violencia machista que se complementará coa tradicional programación dirixida aos centros escolares do municipio.

A "Semana 25 N" inclúe charlas para maiores e para homes, teatro, un taller de autodefensa e a volta da andaina a favor do bo trato. A participación é totalmente gratuíta, aínda que é preciso anotarse antes de 17 de novembro en bea@briondixital.org ou no teléfono 981 50 99 10 (ext. 51). Toda a programación terá lugar no centro social polivalente de Brión, con excepción da andaina e a lectura do manifesto de 25 de novembro.

Así, o luns 22 de novembro, ás 11:00, terá lugar unha proxección e debate "Violencias machistas nas mulleres maiores", na que poderán participar até sesenta persoas maiores de 65 anos. Trátase dunha actividade que forma parte da campaña "De Fronte", promovida pola Deputación da Coruña e á que o Concello de Brión está adherido.

O martes 23, de 19:45 a 21:45, Xosé Cabido impartirá a charla obradoiro "Masculinidades Positivas: construíndo novos xeitos de ser home", dirixida a homes maiores de 16 anos. Unha iniciativa na que poderán participar 25 veciños de Brión para que se sintan parte do cambio e se liberen das cargas que unha sociedade machista leva séculos poñendolle nas costas.

O mércores 24, ás 20:00, o auditorio do polivalente acollerá a posta en escena de "Tabú", unha obra de Carme Conde realizada a través de conversas con mulleres maiores de diferentes puntos de Galicia sobre os tabús, a picaresca e o segredo que había en torno ao sexo e á sexualidade nos tempos de antes.

Dirixido a maiores de 13 anos, o límite de prazas é de sesenta. O propio 25 de novembro, ás 12:00, terá lugar un acto de lectura do manifesto contra a violencia de xénero e dunhas poesías da campaña "De Fronte". Será na praza do Concello de Brión, edificio que alumeará a súa fachada de cor violeta nas noites do 24 e 25.

Parakarate

O venres 25, de 18:00 a 20:00, Kristy Tojo, campioa europea de Parakarate e experta en autodefensa feminista do Clube Deportivo Avalon Kai, impartirá un taller de Autodefensa. Dirixido a mulleres maiores de 16 anos até un límite de 25 prazas, que aprenderán recursos e ferramenta psicolóxicas e físicas para afrontar o día a día, con técnicas mentais e físicas coas cales afrontar situacións de violencias machistas, baixo a lei do mínimo esforzo e a máxima eficacia.

Finalmente, o sábado 27 de novembro, ás 10:30, terá lugar a Andaina "A prol do bo trato", cun percorrido de 10 quilómetros con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia. Antes da saída farase entrega dun agasallo a todas as persoas que participen, así como dun avituallamento para o camiño. O límite será de 400 persoas participantes.

Centros educativos

Así mesmo, o Concello de Brión manterá a programación anual de actividades de igualdade nos distintos centros educativos. Así, o 18 e 19 de novembro, as escolas infantís de Sabaxáns e Os Ánxeles, así como o alumnado de infantil do CEIP de Pedrouzos, asistirán ao espectáculo musical "Soñando inventei", unha mestura de música e poesías a cargo de María Faltri e Jorge Juncal. No caso do CEIP de Pedrouzos, o Concello de Brión ofreceu actividades de Igualdade, pero xa teñen cuberta esta área coa programación da Consellería de Educación.

Para o IES de Brión están programados talleres en todos os niveis educativos, que comezarán neste mes de novembro e durarán durante todo o curso. Os cursos programados son: "Educación Afectivo - Sexual" (para 1º e 3º ESO, a cargo de Belén Montesa), "O meu corpo é meu" e "Dando a chapa pola Igualdade" (para 2º dá ESO, a cargo de Sergio Trillo de Psiconova), "Desmontando os mitos do amor romántico" (para 4º dá ESO, a cargo de Sergio Trillo) e "Desactivando o machismo" (para 1º de BAC, a cargo de Sara Vierna).