O Concello de Brión asina o convenio da Rede Cultural 2026

Logotipos Rede Cultural da Deputación da Coruña
O Concello de Brión acaba de asinar coa Deputación Provincial da Coruña o convenio para os espectáculos da Rede Cultural 2026

O Concello de Brión foi beneficiario dunha subvención da Deputación Provincial da Coruña por un importe total de 23.544,00 €, destinada á contratación de espectáculos incluídos no programa Rede Cultural 2026. Esta contía representa o 60 % do caché dos grupos participantes, mentres que o 40 % restante será asumido polo Concello, cunha achega municipal de 15.696,00 €.

A Deputación da Coruña convoca anualmente esta liña de axudas co obxectivo de contribuír á difusión e promoción da música, do folclore, do teatro, da danza, do cinema e doutras manifestacións artísticas no conxunto da provincia. Ademais, a iniciativa procura achegar estas actividades culturais aos concellos, promovendo o seu acceso por parte da cidadanía, así como fomentar o uso e a normalización da lingua galega e avanzar na igualdade de xénero a través da cultura.

A Rede Cultural configúrase como un espazo de programación artística que ten como finalidade garantir unha oferta cultural ampla, diversa e de calidade nos municipios da provincia. Deste modo, contribúe a reforzar a capacidade dos concellos para ofrecer programacións culturais que cheguen a toda a veciñanza.

O Concello de Brión destinará esta axuda para contratar os seguintes espectáculos:

ESCENA AO VIVO – MÚSICA PROFESIONAL

  • Luar na Lubre: 40 Aniversario

ESCENA AO VIVO – TEATRO PROFESIONAL

  • Mofa & Befa: Os Dous de Sempre
  • Contraproducións: Apaga o Candil
  • Redrum Teatro: Nas Nubes
  • Malasombra: Cotorras
  • Teatro do Noroeste: Polo de Franco

COMPLEMENTARIA

  • Ibuprofeno Teatro: Bio Construción
  • Amorodio Teatro: Brazaletes
  • Vórtice Esçénico: A Cámara Escura
  • Não Caracola: Esperta o Rinoceronte