O Concello de Brión foi beneficiario dunha subvención da Deputación Provincial da Coruña por un importe total de 23.544,00 €, destinada á contratación de espectáculos incluídos no programa Rede Cultural 2026. Esta contía representa o 60 % do caché dos grupos participantes, mentres que o 40 % restante será asumido polo Concello, cunha achega municipal de 15.696,00 €.
A Deputación da Coruña convoca anualmente esta liña de axudas co obxectivo de contribuír á difusión e promoción da música, do folclore, do teatro, da danza, do cinema e doutras manifestacións artísticas no conxunto da provincia. Ademais, a iniciativa procura achegar estas actividades culturais aos concellos, promovendo o seu acceso por parte da cidadanía, así como fomentar o uso e a normalización da lingua galega e avanzar na igualdade de xénero a través da cultura.
A Rede Cultural configúrase como un espazo de programación artística que ten como finalidade garantir unha oferta cultural ampla, diversa e de calidade nos municipios da provincia. Deste modo, contribúe a reforzar a capacidade dos concellos para ofrecer programacións culturais que cheguen a toda a veciñanza.
O Concello de Brión destinará esta axuda para contratar os seguintes espectáculos:
ESCENA AO VIVO – MÚSICA PROFESIONAL
- Luar na Lubre: 40 Aniversario
ESCENA AO VIVO – TEATRO PROFESIONAL
- Mofa & Befa: Os Dous de Sempre
- Contraproducións: Apaga o Candil
- Redrum Teatro: Nas Nubes
- Malasombra: Cotorras
- Teatro do Noroeste: Polo de Franco
COMPLEMENTARIA
- Ibuprofeno Teatro: Bio Construción
- Amorodio Teatro: Brazaletes
- Vórtice Esçénico: A Cámara Escura
- Não Caracola: Esperta o Rinoceronte