Asinamento do convenio para constituír a Comisión de Estudo que redactará os Estatutos da Mancomunidade de xestión da ETAP Ames-Brión

Sinatura do convenio polos rexedores de Ames (esquerda) e Brión (dereita)
Os rexedores de Brión, Pablo Lago, e Ames, Blas García, veñen de asinar o martes, 25 de maio, o convenio para a constitución da Comisión de Estudo, que elaborará os Estatutos da Mancomunidade dos Concellos de Ames e Brión.

A principal finalidade desta Comisión será a xestión en común do servizo que presta a ETAP Ames-Brión. A constitución da Mancomunidade para a xestión conxunta da ETAP foi previamente aprobada polos Plenos de ambos Concellos. A Comisión está integrada polos alcaldes dos concellos de Ames e Brión, designados polos seus respectivos Plenos. O presidente da Comisión é o alcalde do Concello de Ames, Blas García, e o vicepresidente é o alcalde de Brión, Pablo Lago. Actúa como secretaria da Comisión a secretaria do Concello de Ames. Esta Comisión será encargada de redactar o proxecto de Estatutos da Mancomunidade.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, indicou que ”a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión é un paso máis na boa colaboración que vimos mantendo ambos concellos a todos os niveis pero sempre cun mesmo obxectivo: darlles máis e mellores servizos aos nosos veciños e veciñas”.

Pola súa banda, o rexedor de Ames, Blas García, comenta que “a constitución da Comisión de Estudo é o paso previo á creación da Mancomunidade dos Concellos de Ames e Brión, que terá a finalidade de xestionar de xeito común o servizo da ETAP Ames-Brión. Dita Comisión de Estudo terá que elaborar os Estatutos da Mancomunidade”.

A constitución desta Mancomunidade obedece a un escrito remitido por Augas de Galicia o pasado 22 de decembro no que, entre outras cuestións, informa de que é competencia municipal o subministro de auga potable a domicilio e que os Concellos de Brión e A non contan con concesión para a captación das augas públicas do río Tambre.

Asemade indicouse que a solicitude debe ser formulada por unha Mancomunidade, Consorcio ou entidade semellante, e dado que corresponde aos Concellos de Brión e Ames a xestión da ETAP Ames-Brión, procederase á creación dunha Mancomunidade co veciño Concello de Ames para a xestión das instalacións, así como para tramitar xa ao nome desta Mancomunidade a oportuna concesión da captación de augas no río Tambre para o funcionamento da ETAP.

Para iso creouse unha Comisión de Estudo que se encargará de elaborar o anteproxecto de estatutos e de tramitar o procedemento ata a constitución dos órganos de goberno da Mancomunidade.

No referente á participación de cada un dos Concellos nas anteditas instalacións, a Brión corresponderalle un 33% e a Ames o 67% que resta. En relación coa xestión da potabilizadora, os concellos de Brión e Ames subscribiron o 27 de decembro de 2018 un convenio de colaboración co obxecto de regular a porcentaxe de participación de cada Concello nos custos da xestión da devandita ETAP Ames-Brión. O devandito convenio ten un prazo de catro anos dende a súa sinatura, podendo prorrogarse por 4 anos máis de forma expresa.