Brión inicia a repoboación da carballeira de Santa Minia pensando no futuro

Carballeira de Santa Minia
O pasado mes de febreiro chegou a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e estes días estase procedendo a retirar as árbores e a terra da parte sur, afectadas por un fungo letal, e a próxima semana plantaranse 8 exemplares

Aínda que ver como desaparecen árbores da carballeira de santa Minia en Brión é triste, os traballos posibilitarán unha carballeira san no futuro. Esta semana retiráronse unha ducia de carballos da contorna da Casa da Cultura, todos afectados por distintos fungos, entre eles Armillaria mellea, unha enfermidade mortal que non ten cura posible.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, supervisou os traballos e adianta que “este mércores comezaremos coa retirada da terra, que tamén está contaminada por Armillaria, e a súa reposición con terra nova ao longo desta semana. Se o tempo o permite, a nosa intención é plantar oito exemplares de carballo duns 3 metros de altura ao longo da próxima semana”.

O alcalde remarca que “dende o Concello estamos seguindo estritamente os prazos que nos marcan os técnicos e especialistas para afrontar esta situación, xa que non existe ningún tratamento para curar a Armillaria mellea que tiñan estas árbores”. Unha enfermidade que provoca a putrefacción do sistema radicular e, en consecuencia, a morte da árbore por inanición ao non poder absorber nin a auga nin os nutrintes do chan.

Como se trata dunha enfermidade que se transmite polo solo ás árbores próximas, o primeiro paso recomendado polos técnicos foi a retirada dos exemplares que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro determinou que estaban enfermas e sen cura posible.

O segundo paso será a retirada da terra sobre a que se asentaban os carballos, tamén contaminada por Armillaria mellea, e a súa substitución por outra sobre a que se plantarán os novos carballos.

Unha vez plantados os novos exemplares, procederase a analizar o resto de exemplares da carballeira para coñecer o seu estado fitosanitario e determinar os seguintes pasos a seguir. A forma na que está distribuída a carballeira de Santa Minia permite que ambos procedementos (plantación das novas árbores e análise das demais) se poida realizar en condicións de seguridade para as árbores.

Aínda que a Armillaria mellea é unha enfermidade que se transmite polo solo ás árbores próximas, os oito novos exemplares estarán na zona sur da carballeira, que está separada do resto do predio por un sumidoiro. Polo tanto, aínda que algunha das outras árbores non analizadas estivera tamén enferma, non afectaría ás novas ao non compartir o mesmo terreo.

Finalmente, recolléronse tamén as partes dos carballos que serán entregados ao escultor e artista Camilo Seira (Rois) para a elaboración dun traballo artístico. Unha obra realizada a partir das cortizas dalgúns dos exemplares e que será exposta no seu momento nun edificio municipal como memoria da carballeira centenaria de Brión. Desta forma, o Concello de Brión dá resposta a unha das propostas realizadas durante as reunións abertas á veciñanza.