Colofón en Bastavales á programación especial do Concello de Brión dedicada a Rosalía de Castro

Fotografia dos asistentes ao evento
A plantación da figueira de Rosalía na contorna do adro da igrexa parroquial de Bastavales e a actividade lúdico-cultural “Brión, unha historia que contar” puxeron colofón á programación especial conmemorativa do 23 de febreiro, Día de Rosalía.

O día 23 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da autora, celebramos o Día de Rosalía. Unha sinalada data do calendario cultural galego para homenaxear a Rosalía de Castro e difundir a súa senlleira obra literaria e inmortal legado cultural.

O Concello de Brión, a través do Departamento de Cultura e da biblioteca municipal, presentou unha programación especial para conmemorar esta data tan especial, con actividades que se realizaron ao longo do mes de febreiro baixo a denominación de “23 de febreiro, Día de Rosalía”. O colofón a este programa, do que queda pendente celebrar nunha vindeira data a visita dramatizada “Rosalía en Bastavales” de Os Quinquilláns, foron os actos do sábado 25 de febreiro en Bastavales. Unha xornada que homenaxeou a Rosalía a través da plantación dunha filla da Figueira de Rosalía que está na Casa da Matanza en Padrón, doada pola Fundación Rosalía de Castro á cidadanía do concello.

Este emotivo acto contou coa participación de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen destacou que “Rosalía é de quen quere ser de Rosalía, e Bastavales dixo si a Rosalía”. Sandy Cebral, Concelleira de Cultura, destacou a extraordinaria vinculación existente entre Bastavales e a obra rosaliana, así como o xesto de irmandade entre a Casa-Museo Rosalía de Castro de Padrón e o pobo de Brión que simbolizada esta nova árbore que xa fica na contorna do adro parroquial de S. Xiao. A veciña de Bastavales e cantante Fátima Pego interpretou a canción "Adiós ríos, adiós fontes…", nunha inesquecible execución musical que emocionou ao público presente.

Brión, unha historia que contar

Despois da plantación da figueira, comezou un serán lúdico e cultural que tivo como escenario principal o conxunto arquitectónico que forman a igrexa parroquial e a Capela do Carme. Nesta contorna monumental, Rosalía de Castro, interpretada pola actriz actriz Chiruca Tarrío, estivo acompañada polo profesor e académico Clodio González Pérez (autor do libro "Brión: Historia, Economía, Cultura e Arte") e Armando Patiño, encargado da biblioteca municipal, que participaron nun coloquio sobre a historia de Brión e Bastavales, moderado polo xornalista José Manuel García, onde non faltaron referencias ás lendas e a cultura popular das Terras da Maía.

A continuación, veciñas e veciños da parroquia recitaron versos da poeta que emocionaron ao público presente. Como tamén o fixo a cantante Fátima Pego, que realizou unha emotiva interpretación do popular tema "Campanas de Bastavales" na que participou todo o auditorio.

Créditos da fotografía: Xaime Cortizo