Comeza unha nova edición do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión con 100 participantes

Programa Integrado de Emprego
A concelleira de Promoción Económica e Emprego de Brión, Guarina Rey, destacou que "os programas integrados de emprego coma este son os mellores instrumentos de cara a mellora da inserción laboral"

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá o acto de apertura da edición 2023-2024 do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión. Un acto no que participaron o alcalde de Ames, Blas García, e mailas concelleiras de Promoción Económica e Emprego de Brión, Guarina Rey, e de Ames, Ana Belén Paz, así como persoas usuarias deste programa e que se formarán nos sectores do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas e novas tecnoloxías. Ademais poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.

O alcalde de Ames incidiu en que “programas coma este poñen de manifesto que, cando hai vontade, as administracións podemos traballar conxuntamente en algo tan importante como é axudar ás persoas a atopar un emprego. As políticas que benefician directamente ás persoas son as máis importantes que se poden levar a cabo nun Concello; por iso son das que máis orgullosos nos sentimos”. Ademais, Blas García agradeceu o traballo do persoal municipal implicado no programa.

Pola súa banda, Guarina Rey destacou que “os programas integrados de emprego coma este son os mellores instrumentos de cara a mellora da inserción laboral. Durante os próximos meses, ides recibir unha formación e un asesoramento que vos vai facilitar a consecución dun posto de traballo. O programa integrado Ames-Brión é un exemplo de éxito da colaboración de tres administracións: Xunta, Concello de Ames e Concello de Brión. Tres administracións de distintas cores políticas, pero que saben traballar conxuntamente polo benestar da veciñanza”.

Cen participantes

O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2023-2024 comezou a desenvolver as actividades no mes de xaneiro, unha vez rematado o proceso de selección das 100 persoas participantes (80 de Ames e 20 de Brión), e rematará en novembro de 2024. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 219.610,00 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión.

O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados. Na edición 2022-2023, rematada en novembro, a porcentaxe de inserción foi do 50%.

As persoas participantes neste tipo de programas, ademais de estar inscritas como demandantes de emprego e residir en Ames ou Brión, están encadradas nalgún dos colectivos seguintes: persoas menores de 30 anos desempregadas; persoas maiores de 45 anos desempregadas; e/ou mulleres desempregadas. Ao longo destes anos, este programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión tense demostrado como unha das medidas de políticas activas de emprego máis efectivas levadas a cabo polos dous concellos.

Estratexia de empregabilidade

Para rematar o acto, a docente Nelly Rey impartiu a charla – obradoiro: “Como elaborar unha estratexia activa de empregabilidade”. Dita actividade, na que participaron arredor de 50 persoas usuarias do programa, tivo unha duración aproximada de hora e media na cal se abordaron as seguintes cuestións: como sacarlle proveito ao programa integrado de emprego; reseteo laboral, mitos, perspectivas e derribar crenzas limitantes; e plan de acción.

Nos meses de xaneiro e febreiro xa se fixo a primeira rolda de titorías individualizadas, nas que se establecen con cada participante as actividades (formación, prácticas, etc.) a realizar ao longo do programa. Comezou tamén a formación transversal para a procura de emprego: habilidades sociais e comunicación, obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, marca persoal etc. Outra formación transversal será: idiomas (inglés), informática, manipulación de alimentos, primeiros auxilios, prevención de riscos, etc.