O Concello de Brión estrea o servizo do punto limpo móbil, co que levará a recollida selectiva de lixo a todas as aldeas do municipio

Punto Limpo
O alcalde recibiu o vehículo adquirido á empresa Grúas e Autoventas Betanzos SL

O Concello de Brión vén de recibir un camión grúa con colector para a implantación dun punto limpo móbil, que hoxe mesmo xa puideron empregar todos os veciños e veciñas que se achegaron ao mercado semanal na carballeira de Santa Minia. Un vehículo adxudicado á empresa Grúas y Autoventas Betanzos SL por 70.180 euros (IVE incluído) e que foi recepcionado polo alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, da man de Ángel Sánchez, xerente da empresa adxudicataria.

O punto limpo móbil brionés conta con oito compartimentos para a recollida selectiva de: papel/cartón, pequenos electrodomésticos, aceites usados (aceite doméstico usado e embotellado), envases de plástico/latas/bricks, lámpadas/fluorescentes, envases de vidro, pilas/baterías e roupa/calzado. “É unha forma de facerlles máis fácil a reciclaxe aos veciños e veciñas de Brión, achegándolles o servizo á porta das súas casas”, explica Pablo Lago, quen adianta que “este punto limpo móbil achegarase de forma periódica polas aldeas para recoller estes residuos e complementará outros servizos xa dispoñibles como os contedores para a recollida de aceite, os minipuntos limpos e o servizo de recollida que prestan dende a Mancomunidade Serra do Barbanza”.

O Concello de Brión procederá agora a elaborar a itinerancia do punto limpo polas aldeas de Brión, que será dado a coñecer a través das súas canles habituais de comunicación coa veciñanza: web municipal, redes sociais, app informativa e bandos municipais. Así mesmo, o camión grúa prestará un importante servizo á brigada municipal de obras cando non estea sendo empregado para o desprazamento do punto limpo.

A adquisición deste camión grúa con colector para a implantación do punto limpo móbil brionés é unha iniciativa do Concello de Brión, en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia financiado a través da Unión Europea-Next Generation EU.