
Dende o ano 2010, Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950-Brión, 2025) foi o artista encargado de ilustrar os carteis da Romaría de Santa Minia. Cun característico estilo persoal, creou unha recoñecible e inesquecible iconografía, con raíces na nosa cultura e folclore popular, que estará vinculada para sempre coa celebración máis senlleira e recoñecida do noso Concello.
A súa prematura partida interrompeu abruptamente unha valiosa e desinteresada achega artística, privando á veciñanza de Brión dun dos símbolos máis recoñecibles (e tamén apreciados) desta celebración. Por este motivo, o Concello de Brión desexa pechar esta etapa cunha homenaxe a Xosé Vizoso, publicando un derradeiro cartel asinado polo inesquecible artista e deseñador.
Coa aprobación da familia do artista, recuperamos unha ilustración creada para unha tarxeta de Nadal en 2006. A súa temática e potente expresividade evocan a ilustración coa que o artista mindoniense iniciou a serie de carteis da Romaría en 2010. Un peche de ciclo cheo se simbolismo, cunha imaxe potente e festiva que ben podería ter debuxado Vizoso para a Romaría deste ano.
Programación da Romaría de Santa Minia 2025
Os días 26, 27 e 28 de setembro celebrarase en Brión a Romaría de Santa Minia. Ao longo de tres xornadas, a veciñanza e visitantes poderán gozar dun completo programa no que se combinan tradición, cultura e lecer para todas as idades.
Xunto cos oficios relixiosos, a proxección do espectáculo de luz e son e a tradicional tirada de fogos artificiais, a programación festiva incluirá numerosos espectáculos e actividades lúdico-culturais. Sen esquecer, por suposto, a vertente gastronómica, coas polbeiras como grandes protagonistas e a súa recoñecida oferta culinaria.
Á espera de coñecermos o programa completo, podemos adiantar que actuarán en Brión as orquestras Unión y Fuerza, Marbella, Finisterre e Panorama, ademais da disco móbil Impacto. Completarase a oferta musical coas actuacións da solista Ruth Cundíns e o concerto de Budiño coa xira “Branca Vela”, este último subvencionado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Non faltaran as Charangas Os Celtas e BB+, ás actuacións das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, os Grupos de Gaitas Devagarinho e Airiños do Petouto e da Agrupación Musical Tradicional Tíralle do Aire.
Ademais, tamén gozaremos do IX Festival Monecadas, coa participación de El Buho Teatro (Andalucía), Títeres Alakrán (Galiza), Grupo de Teatro Los Pintores (Asturias) e Compañía Pelele (Francia).
E aínda quedan algunhas sorpresas que iremos desvelando proximamente, para que a Romaría de Santa Minia 2025 volva ser un encontro único de tradición, cultura e celebración.