O Concello de Brión vén de instalar dous mini puntos limpos de recollida para pequenos obxectos de uso diario que resultan, pola contra, altamente contaminantes. Nos depósitos, que fican no parque municipal de Brión e na avenida Vicente Ramos (Os Ánxeles), a veciñanza poderá desbotar para a súa reciclaxe ata sete modalidades de residuos tales como pilas e baterías usadas, teléfonos móbiles, CDs e DVDs, lámpadas de baixo consumo, cartuchos de tinta de impresora e pequenos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos que leven pilas ou se enchufen á corrente (RAEE).
A instalación destes dous mini puntos limpos é froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Brión e a firma Blipvert Recologics, cun custo mínimo para as arcas municipais que xerará un gran valor engadido dende o punto de vista medioambiental, ao mellorar a recollida selectiva de refugallos altamente contaminantes.