"Altamira Brilla", unha programación para conmemorar o aniversario da Batalla Altamira

Altamira Brilla
Patrimonio da Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Brión e Ames, organizan os días 12 e 13 de xuño a primeira festa histórica da comarca, adiada o pasado ano pola pandemia.

Cando se conmemoran 550 anos da Batalla de Altamira, a Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Brión e Ames, organiza dúas xornadas de celebración que propoñen á cidadanía da comarca, entre outras actividades, unha ruta, unha representación dramatizada a cargo de Os Quinquilláns e un recital musical de Baiuca, nunha xornada de convivencia e recuperación da historia.

O adiamento desta actividade por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19 supuxo tamén que a festa que conmemorará a Batalla de Altamira pasase a celebrarse no ano no que se cumpre exactamente o 550 aniversario do acontecemento histórico.

Actividades programadas:

As conmemoracións comezarán o sábado 12 cun acto que terá lugar na Ponte Maceira (Ames) en que se presentarán as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión en que intervirá o arquitecto Mario Crecente e as historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez, autoras do libro "A batalla de Altamira" ademais do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas e representantes dos concellos de Brión e Ames.

Ese mesmo día pola tarde, desenvolverase unha ruta polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión para a que se precisará reserva previa.

O día da festa grande será o 13 de xuño, cunha xornada que comezará a partir das 19:15 h. coa saída dos autobuses que a Deputación da Coruña porá a dispor do público para se achegar ás Torres de Altamira, lugar ao que non se permitirá acceder con vehículos particulares.

A compañía Os Quinquilláns porán en escena unha representación dramatizada da batalla de Altamira que se completará cun concerto de Baiuca, que incluirá tamén proxeccións de luz e imaxes sobre o propio monumento. Os asistentes recibirán como agasallo o libro sobre a Batalla de Altamira. Ao remate da festa, que incluirá petiscos a cargo da organización, está previsto o regreso dos transportes ata a Carballeira de Santa Minia. Isto será arredor das 23:00 h.

Para participar na conmemoración será necesario mercar a entrada anticipada que incluirá a asistencia ás actuacións, petiscos e bebida, transporte ida e volta e o libro sobre a Batalla de Altamira. A entrada pode conseguirse a través de orballocultural.gal